Skip to main content
STG

A Facultade de Humanidades celebra os días 3 e 4 de abril o obradoiro de crítica audiovisual ‘A curta tamén é cine’

O ciclo, organizado xunto co grupo Fonmiñá e Promofest, contempla a proxección de once curtas que versarán sobre cinco temáticas distintas

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo acubillará os vindeiros días 3 e 4 de abril o obradoiro de crítica audiovisual ‘A curta tamén é cine’, un programa lúdico e formativo promovido polo profesorado do centro universitario lugués en colaboración co grupo cinematográfico Fonmiñá e Promofest.

O obradoiro de crítica audiovisual ‘A curta tamén é cine’ desenvolverase en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades. A decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, e o responsable da sección de cine do grupo Fonmiñá e director das vinte e cinco edicións xa celebradas da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, Manuel Curiel, presentarán o mércores 3 de abril este foro de crítica audiovisual no salón de actos de Humanidades, o mesmo escenario no que de seguido se proxectarán varias curtas. A primeira xornada do ciclo ‘A curta tamén é cine’ está estruturada en tres sesións, que se desenvolverán baixo os epígrafes temáticos Sexo: dúas miradas orixinais, A curta, un xénero flexible e De homes é máquinas. Homenaxe ao cine mudo. As curtas ‘Posturas’, de Álvaro Oliva, e ‘ Una flor en recepción’, de Marta Parreño, servirán para alimentar o debate sobre o primeiro bloque, mentres que as producións ‘Despejado’, de Jotoni; ‘L’equip petit’, de Roger Gómez e Dani Resines, e ‘Amarillo limón’, de Felipe Garrido, darán pé a reflexións sobre a flexibilidade das curtas. Este ciclo audiovisual concluirá a súa primeira xornada coa proxección das curtas ‘Fábrica de muñecas’, de Ainhoa Menéndez, e ‘Luminaris’, de JuanPablo Zamarella, dúas propostas de homenaxe ao cine mudo e nas que se aborda a dualidade que conforman os e as máquinas. ‘Salón Royale’, de Sabrina Campos, e ‘On my mind’, de Nacho Solana’, abrirán a quenda das proxeccións programadas para o xoves 4 de abril e tralas que se abrirá un debate sobre o amor. Ao remate desta sesión comezará outra centrada na paisaxe como protagonista, no marco da que se poderán visualizar as curtas ‘La mujer del hatillo gris’, de Luis Trapiello, e ‘Último beso en Roma’ , de Carla Vadell. O director da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, Manuel Curiel, e as profesoras Ángeles R. Fontela e Silvia Alonso, da área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Facultade de Humanidades de Lugo, clausurarán os xoves, a partir das 19.30 horas, este obradoiro de crítica audiovisual, que, entre outros obxectivos, pretende reivindicar as prestacións e o interese cinematográfico das curtas.

The contents of this page were updated on 04.01.2013.