Humanidades celebra este xoves as xornadas de xestión e mediación cultural ‘Formación e emprendemento’
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo celebrará este xoves, día 31 de outubro, a terceira xornada de xestión e mediación cultural, que, nesta ocasión, se desenvolverá baixo o título ‘ Formación e emprendemento’.
Este foro, dirixido especialmente ao alumnado do grao de Ciencias da Cultura, pero tamén aberto a todas as persoas interesadas na formación no eido das humanidades e tamén no coñecemento das oportunidades de innovación e emprendemento neste campo do saber, conta con sete relatores convidados, que relatarán as súas respectivas experiencias laborais, así como proxectos de innovación e emprendemento, ao tempo que presentarán novas posibilidades de cursar estudos universitarios de Humanidades. A exposición ‘O auxe das Humanidades’, a cargo do estudante da USC David Fernández Pérez, Unha representación teatral, a cargo do grupo ‘Microefectos dramatúrxicos’, que levará a escea a montaxe ‘Sol e sombra’, seguida dun posterior coloquio, e un debate sobre o futuro das Humanidades, servirán de colofón da xornada. Programa A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela, inaugurarán este mércores, ás 10.00 horas, no salón de actos do devandito centro universitario as xornadas de xestión e mediación cultural ‘Formación e emprendemento’, promovidas pola Aula Profesional de Cultura da facultade. A directora da Fundación TIC, Margarita Soilán, abrirá a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘Un laboratorio de desenvolvemento de contidos para o mundo da cultura’. Ao remate desta intervención, Andrés Barro Parga, cofundador de El faro de los tres mundos, falará sobre o emprendemento con intelixencia cultural. A experiencia emprendedora de Cilenis Language Technology, unha iniciativa de emprego de base tecnolóxica xurdida na Universidade de Santiago que ofrece solucións e produtos baseados en anos de investigación no proceso da linguaxe natural e da enxeñaría lingüística, centrará a intervención de Isaac González. De seguido, Verónica Iglesias, de Ciencia Divertida Pontevedra e Santiago, ofrecerá o relatorio ‘Emprendemento: actitude e competencia’. O profesor de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Cadiz, Joaquín Moreno, falará no campus de Lugo sobre a innovación e o emprendemento no eido das humanidades. Asemade, o vicedecano da Facultade de Humanidades, Comunicación e Documentación da Universidade Carlos III de Madrid, Carlos Manuel Valdés, presentará no campus lugués os estudos semipresenciais de Humanidades que se imparten na súa universidade de procedencia.