Skip to main content
STG

O I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia comeza este xoves en Humanidades coa proxección de dous documentais

‘O monte é noso’, de Llorenc Soler, e ‘Stop al expolio de los bienes comunales’ abren un programa de cine gratuíto e concebido como achega formativa ao estudantado

A primeira edición do Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia, unha iniciativa organizada polo grupo de innovación docente do campus de Lugo Ruralia en colaboración co Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela, comeza este xoves, día 21 de novembro, coa proxección de dous documentais, a partir das 20.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades.

Os documentais ‘O monte é noso’, de Llorenc Soler (1978), e ‘Stop al expolio de los bienes comunales’, do colectivo 15M-León (2013), son as dúas producións audiovisuais escollidas polo grupo de innovación docente Ruralia para abrir este ciclo de cinema, unha actividade de carácter gratuíto e aberta á participación de todo o público interesado. O I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia nace inicialmente orientado cara o estudantado da Escola Politécnica Superior, como unha ferramenta formativa complementaria para achegar ao estudantado ás realidades e contidos traballados nas aulas. Nesta liña, cada proxección irá acompañada dunha breve introdución para encadrar a temática que presentará o filme, unha explicación que correrá a cargo dalgún dos docentes que forman parte do grupo Ruralia. Outra das características deste I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia, un programa que nace con periodicidade mensual e que rematará no mes de abril de 2014, é que todas as producións audiovisuais se proxectarán na súa lingua orixinal, un abano de idiomas que coincide coa oferta de cursos de linguas que imparte o Centro de Linguas Modernas no campus de Lugo. Daquela, este ciclo tamén se antolla como un complemento formativo apropiado para o estudantado matriculado no CLM en Lugo. Programa do I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia Logo da primeira proxección prevista para este xoves, o ciclo de cinema promovido polo grupo de innovación docente Ruralia terá continuidade o vindeiro 10 de decembro na Facultade de Humanidades, onde o público interesado poderá visualizar o filme ‘A farm for the future’, un documental narrado en primeira persoa pola súa protagonista, que quere volver a unha vella granxa no Reino Unido. A proxección desta producción, dirixida por Rebecca Hosking en 2008, comezará tamén ás 20.00 horas e será en versión orixinal, con subtítulos en castelán.

O I Ciclo de Cinema Rural en Lingua Propia terá continuidade nos meses de febreiro, marzo e abril de 2014, cando está prevista a proxección dos filmes ‘Das weisse Band’, de Hanneke; ‘Une hirondelle a fait le printemps’, de Carion, e ‘Terra para Rose’, de Tetê Moraes. As datas para estas proxeccións aínda están sen fixar.

The contents of this page were updated on 11.20.2013.