A crise económica e as políticas de austeridade continúan aumentando a desigualdade e a pobreza

Despois dunha década de bonanza, a actual crise económico-financeira sacou á luz “as carencias máis fundamentais da economía europea derivada do actual modelo neoliberal que a sustenta”. A sentencia realízana os profesores da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC Angela Troitiño e Sebastian Villasante no monográfico ‘ Economía da desigualdade’ que coordinan na Revista Galega de Economía. No traballo preséntanse estudos teóricos e empíricos que poñen de releve que o tipo de modelo económico en Europa xerou unha maior desigualdade e pobreza. A austeridade, “diseminada como un dogma de fe entre os responsables económicos e políticos” –afirman–, deriva no recorte dos programas sociais, “esenciais para o mantemento do benestar da poboación, reducíndose así o papel compensador do sector público sobre as cada vez máis crecentes desigualdades do mercado”. Incremento da pobreza severa en España Os investigadores alertan de que este tipo de modelo en España está producindo un incremento tanto da intensidade da pobreza como da pobreza severa, o que é indicativo de que os fogares que se atopan nos tramos máis baixos de renda son cada vez máis pobres. Ademais, estase producindo un fenómeno de desfeminización da pobreza, que agora afecta por igual a mulleres e homes, iso si, cada vez máis novos. No ámbito territorial, as comunidades autónomas con maior nivel de pobreza se corresponden cun menor nivel de formación universitaria, maior abandono escolar e maiores índices de desemprego. Para os autores do monográfico, as do sur peninsular son as máis afectadas e as que terán maiores dificultades para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europea 2020. En Galicia, do interior á costa En Galicia, o mapa da desigualdade e a pobreza estase modificando de maneira que os maiores incrementos de pobreza se están a dar nas provincias atlánticas e non, como era tradicional, nas interiores. Estes resultados obedecen a que as áreas interiores, cunha poboación máis avellentada, teñen ingresos máis estables e igualitarios, mentres que as atlánticas, con maiores niveis de poboación en idade de traballar, presentan uns ingresos moito máis dependentes das flutuacións económicas.
Por outra banda, o número de fogares con menores ingresos e de xente moza cun nivel de emprego precario aumentou, “o que pon en evidencia que a actual crise económica está afectando de forma directa e inmediata ao nivel de ingresos, en especial aos colectivos máis vulnerables e indefensos da sociedade”.