Presentan na ETSE a plataforma de cursos masivos en liña en aberto de Universia

O Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría acolleu este venres a primeira xornada de Miriada X, a plataforma de cursos masivos en liña en aberto (coñecidos como MOOCs) posta en marcha polo Banco Santander e Telefónica. Entre os interviñentes figuraban persoas premiadas por Universia en diversos certames sobre a xestión de cursos en liña e masivos. O encontro inaugurárono o reitor da USC, para quen “é un orgullo que a Universidade de Santiago contribúa ao desenvolvemento deste proxecto de consolidación”, e o conselleiro delegado de Universia, Jaume Pagés, que mostrou o seu agradecemento á USC e particularmente ao reitor pola colaboración prestada para a realización desta primeira xornada, na que participan como relatores catro docentes doutros tantos cursos destacados dos 58 MOOC`s realizados de febreiro a abril deste ano, con carácter gratuíto e coa participación de 300.000 matriculados. Acompañáronos tamén o director xeral de Universia, Pedro Aranzadi; e Paloma Barba, de Telefónica. Miríada X “Miríada X” nace, coa colaboración de la Fundación CSEV, por iniciativa de Telefónica, a través de Telefónica Learning Services, e Universia, rede universitaria na que participan 1.242 universidades de 23 países de fala hispana e portuguesa, entre elas a USC. A reunión de Santiago, na que participan docentes de Universidades españolas, ten como obxectivo estender a experiencia acumulada a todas as universidades de Universia. Para Jaume Pages, “Santiago é o lugar axeitado por ser un espazo aberto a Iberoamérica”. A sesión comezou coa charla de María Dolores Castrillo, profesora de ‘Alemán para hispanofalantes’ da UNED, curso gañador do I Premio MECD-Telefónica Learning Services-Universia ao mellor MOOC de Miríada X, a quen lle seguiu Juan Medina, profesor do curso ‘Matemáticas básicas’, gañador do accésit no mesmo certame. A xornada continuou con David Carabantes Alarcón, docente de ‘Xestión da Información Científica en Aberto’, da Complutense, e Fernando Cañizal Berini, vicerreitor primeiro e de profesorado da Universidade de Cantabria. Rematou a sesión coa charla ‘Cómo promocionar a participación de docentes en proxectos de cursos en liña masivos en aberto’ a cargo de José Morillo-Velarde, subdirector xeral de Centros da Fundación Universitaria San Pablo CEU. A xornada desenvolveu na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Foto: Santi Alvite Entre os interviñentes de Miríada X figuraban persoas premiadas por Universia en diversos certames sobre a xestión de cursos en liña e masivos. Foto: Santi Alvite