Skip to main content
STG

Tres propostas no eido das comunicacións e a atención psicolóxica e psiquiátrica acadan os premios do XIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

Foto: Alfonso-Servimav
Foto: Alfonso-Servimav

Torus, Apprentra e Xuntos son os gañadores do XIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC nas categorías de Mellor Empresa de Base Tecnolóxica, Mellor Empresa Xove e Muller Emprendedora, respectivamente. Os galardón entregáronse este venres 21 nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome que presidiu o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil. O premio á mellor empresa de base tecnolóxica está dotado con 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo ofrecido por Unirisco; a mellor empresa xove con 2.000 euros e o Premio á Muller Emprendedora (2.000 euros). Torus Software Solutions, na modalidade de Mellor empresa de base tecnolóxica, é unha iniciativa que busca dar continuidade ao proxectos que se veñen desenvolvendo na Universidade da Coruña dende 2011 co lema ‘High performance computing for high performance trading’, financiado con 340.000€ polo Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, e que busca poñer en valor e transferir unha tecnoloxía de comunicación ultrarrápida. O seu obxectivo será a comercialización de solucións de software HPC (Higher Performance Computing), baseadas en Java, dentro dos sectores financeiros, enerxía, telecomunicacións ou defensa, entre outros, en contornos onde o nivel de latencia das comunicacións é un elemento crítico dentro do sistema de información e do propio negocio das compañías. As solucións presentadas por Torus permiten eliminar actuais limitacións da máquina virtual de Java incrementando a velocidade de comunicación e permitindo o uso desta linguaxe en contornos de HPC, obtendo altos rendementos de computación. A proposta está impulsada polo doutor en Física da USC, Ramón Doallo; polos doutores en Informática pola Universidade da Coruña, Guillermo López Taboada e Juan Touriño; e por Robin Harker. Muller Emprendedora No apartado Muller Emprendedora, a proposta gañadora foi ‘Xuntos. Atención psicológica y Psiquiátrica, SL’, unha entidade dedicada á atención, formación, investigación e prestación de servizos no campo da saúde mental, constituída por un equipo multidisciplinar de profesores universitarios e persoal académico con formación de doutoramento nas áreas da Psicoloxía, a Psiquiatría, a Xerontoloxía e a Neurociencia. O obxectivo é proporcionar servizos de calidade, baseados na experiencia docente e clínica e nos resultados derivados da investigación. A perspectiva dos servizos ofertados por Xuntos foxe do modelo convencional, xa que sobre a base dos tratamentos máis eficaces para as distintas problemáticas, desenvolverán estratexias alternativas de intervención, combinando aproximacións individuais e grupais, desenvolvendo novos soportes e adaptando e validando soportes xa existentes pero infrautilizados, así como servizos adaptados ás necesidades de cada uno dos nosos usuarios. O equipo promotor está integrado polo doutor en Psicoloxía da USC Fernando L. Vázquez; a doutora en Medicina da USC, Ángela Torres; e as doutoras en Psicoloxía Clínica da Universidade compostelá, Vanessa Blanco, Patricia Otero e Elisabet Hermida. Empresa Xove Na modalidade de Empresa Xove, o premio recaeu en ‘Appentra. Aceleración automática de aplicacións’, de Manuel Carlos Arenaz, Jorge Allo e Mª Rosa Vázquez, da Universidade da Coruña. Appentra é unha spin-off da Universidade coruñesa, cualificada como IEBT pola Xunta de Galicia, que traballa no desenvolvemento de software de alta calidade e tecnoloxía avanzada que posibilita un uso extensivo das técnicas de computación de alto redemento (HPC) en todas as áreas da enxeñaría, a ciencia e a industria. Dende un punto de vista técnico, o obxectivo xeral é o desenvolvemento de tecnoloxías que permitan a construción dun novo compilador auto-paralelizador fonte a fonte orientado ao mercado HPC denominado ParallWare. Así se busca aumentar o grado de automatización do proceso de desenvolvemento, mellora e migración de aplicacións secuenciais aos modernos sistemas HPC baseados en procesadores multi-core e many-core, de forma que dito proceso sexa máis rápido, máis produtivo e máis eficiente. Mediante este proxecto ponse en valor unha nova tecnoloxía disruptiva e exclusiva de Appentra, que proporciona unha solución técnica potente e moderna ao gran reto da paralelización automática de aplicación HPC. Os proxectos premiados Os tres premiados foron elixidos de entre un total de 46 proxectos, a cifra máis alta de propostas presentadas a concurso dende 2006, por un total de 114 promotores/as, dos/as que 65 procedían da USC, 14 da Universidade de Vigo, 12 da da Coruña e as restantes 23 persoas doutras institucións universitarias. As facultades e escolas máis representadas son a de Física, da que procede o 21,5 % das persoas que promoven os proxectos, seguida da Escola Politécnica Superior co 15,4% e pola Facultade de Filoloxía cuxa presenza estivo representada polo 12,3% das e dos promotores da USC, ademais da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Por xénero, a maior proporción recae nos homes cun 55,3% de promotores. No acto de entrega participaron ademais os vicerreitores de Estudantes e de Responsabilidade Social, Francisco Durán e Benita Silva, respectivamente; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; e o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande. O obxecto deste concurso é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados/as e investigadores/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

The contents of this page were updated on 06.21.2013.