Skip to main content
STG

Maurice Piéron presentou en Formación do Profesorado as súas estratexias pedagóxicas para as clases de educación física

Un dos momentos da conferencia de Maurice Piéron na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
Un dos momentos da conferencia de Maurice Piéron na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
O catedrático belga, un dos principais expertos mundiais en didáctica do deporte escolar, compartiu cos alumnos lucenses a súa experiencia docente e investigadora

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo presentou unha conferencia sobre a relación pedagóxica nas clases de educación física, a cargo do catedrático belga Maurice Piéron, un dos maiores expertos mundiais sobre didáctica e investigación no ámbito do deporte escolar. Entre os asistentes estaban alumnos do Grao de Mestre en Educación Física que se imparte no centro. O relatorio de Piéron estivo centrado na importancia que ten a observación directa do docente á hora de establecer as accións necesarias para acadar unha participación activa de todo o alumnado neste tipo de aulas. “Calquera investigación ou teoría parte da análise minuciosa da realidade sobre a que se vai traballar, polo que os profesores teñen a obriga de estar atentos ás dinámicas, relacións, respostas, actitudes e aptitudes do alumnado, para aplicar as estratexias precisas e facer que as súas clases sexan útiles e gratificantes para todos”, explicou Piéron. Outras cuestións tratadas na conferencia foron a necesidade de motivación para a actividade física, os factores determinantes na inactividade físico-deportiva nos mozos e mozas (especialmente entre este segundo colectivo), a calidade de vida derivada da práctica deportiva e a atención especial ao alumnado con obesidade nas clases de educación física. Maurice Piéron, doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa, ten varias das súas obras traducidas ao castelán, entre elas La relación educativa en la enseñanza de las actividades físicas (Instituto Municipal de Deportes de Bilbao, 1984), Pedagogía de la actividad física y el deporte (Universidad Internacional Deportiva de Andalucía, 1988) e Para una enseñanza eficaz de las actividades físico-deportivas (INDE, 2005).

The contents of this page were updated on 05.03.2012.