Comeza na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a segunda edición do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza
A segunda edición do máster en ‘Dirección de actividades educativas na natureza’, único das súas características en toda España, comeza este xoves 27 ás 17.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo a súa programa académica cunha sesión de apertura que presidirá o vicerreitor adxunto de Investigación, Pablo Ramil, e á que asistirán representantes da Deputación provincial, do concello de Lugo e da Xunta de Galicia. O profesor Xan Rodríguez Silvar impartirá a conferencia inaugurada titulada ‘Os Ancares, unha reflexión dende a educación ambiental’ No desenvolvemento deste posgrao participan 25 profesores que están adscritos a 16 áreas de coñecemento. As clases comezarán o próximo luns 1 de outubro e prolongaranse ata o 6 de abril, para dar paso á etapa de prácticas profesionais en distintas institucións e organismos cos que a USC asinou acordos. O máster volve contar este ano co apoio económico da Deputación de Lugo a través do proxecto Lugo2 Provincial, cofinanciado polo FEDER nun 80%, co fin de difundir os valores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares. Este título, que recolle un tipo de estudos inédito en España, é unha iniciativa nacida no Campus de Lugo que recolle e xunta varias culturas arredor da capacidade educadora da natureza, a miúdo tratados como conceptos de xeito separado, explica o seu coordinador, o profesor Eugenio Otero Urtaza. Ademais, este posgrao proporcionará ao alumnado competencias en xestión e dirección de actividades educativas, ecoauditivas, deseño de rutas e excursións ou deportes de montaña, entre outros. Unha das características máis comúns da cultura urbana no século XXI é que a natureza resulta un espazo lonxano aos nenos/as, explica Eugenio Otero, ata o punto de que “se pode pasar a infancia e a mocidade no barrio dunha gran cidade sen ter sentido nunca a proximidade dun bosque ou de realizar unha camiñada por un sendeiro de montaña e observar animais en liberdade”. Como engade o docente, “o contacto coa natureza non é un privilexio senón unha necesidade vital” nunha época na que xa están crecendo as primeiras xeracións de rapaces que viven en grandes cidades sen ter relación directa cos espazos naturais, “o que os priva duns constituíntes da educación que ata agora, en maior ou menor medida, estaban ao alcance de todos". Noutros países europeos e especialmente en Estados Unidos, sinala o profesor Otero, ademais dos posibles movementos de defensa da natureza existe unha tendencia que está a mostrar a potencia educadora da natureza e que “non debe desdeñarse dende o ámbito político, porque a falta de contacto co medio natural é causa de moitas enfermidades psíquicas e produce un malestar cada vez más estendido”.