Skip to main content
STG

O proxecto Migranet alerta da preocupante situación dalgunhas poboacións de peixes migradores

O proxecto Migranet alerta da preocupante situación dalgunhas poboacións de peixes migradores
O proxecto Migranet alerta da preocupante situación dalgunhas poboacións de peixes migradores
O proxecto remata deste xeito dous anos de traballo no que se implicaron investigadores de Francia, Portugal e España, coordinados pola USC

As poboacións de peixes migradores están en franco declive en todo o mundo e no caso do suroeste europeo, a situación destas especies é, cando menos, preocupante, máis en casos concretos como os da anguía. Con esta afirmación o proxecto europeo Migranet conclúe dous anos de traballo entre investigadores de España, Francia e Portugal, coordinado pola USC. O xerme da situación estaría relacionado con presións primarias (construción de presas ou mala regulación pesqueira, entre outros) e con factores secundarios, fundamentalmente en forma de contaminación en toda a conca e a invasión de especies procedentes doutros puntos. Estas ideas e os principais resultados do proxecto europeo Migranet, para a creación e posta en marcha dun observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo, presentounos en rolda de prensa o coordinador do proxecto, o profesor Fernando Cobo. Na presentación tamén estiveron presentes o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Xunta de Galicia, Emilio Rosa; o investigador do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), Etiene Prevost; e o investigador do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (CIIMAR) e director do Aquamuseu do Rio Minho, Carlos Antunes. Co-financiado ao 75 por cento con cargo a fondos FEDER, o proxecto estendeuse ao longo de dous anos dende principios de 2011 co obxectivo principal de contribuír á conservación e recuperación das especies de peixes migradores e dos seus hábitats, a partir dun mellor coñecemento compartido da súa situación real. Para alcanzar este obxectivo, os/as investigadores/as implicados propoñen agora un decálogo de recomendacións que atenden a cuestións diversas como a calidade da auga; os obstáculos á circulación fluvial e alteracións do hábitat; patoloxías específicas; avaliación de poboacións; ou xestión da pesca fluvial, entre outros. No primeiro dos puntos sinalados, Migranet considera “esencial” desenvolver plans correctores e preventivos con respecto á calidade fisioquímica da auga, conforme coa Directiva Marco da Auga, ao tempo que reducir os vertidos á rede fluvial e incrementar os sistemas de tratamento de augas residuais. Ademais, este proxecto europeo avoga por iniciar plans de eliminación de obstáculos que permitan incrementar a accesibilidade das canles principais e afluentes. De non poder eliminar as obstrucións, os investigadores propoñen a construción de pasos que funcionen para todas as especies. Neste eido tamén sinalan impulsar a conservación e restauración da vexetación da ribeira, incluíndo a eliminación de especies foráneas e con potencial invasor e a repoboación con especies autóctonas. Outro aspecto avaliado foi o das patoloxías específicas detectadas e a depredación, propoñendo ademais dun “férreo control” sanitario das piscifactorías e dos peixes utilizados nas repoboacións, o desenvolvemento dun plan de seguimento das poboacións silvestres, incluíndo enfermidades de orixe parasitario. De cara á avaliación das poboacións, os investigadores consideran necesario realizar un rexistro permanente dos distintos estados do ciclo vital destes peixes a través de dispositivos de control e toma de mostras e equipos especializados. No estudo das poboacións de peixes migradores, o proxecto sinala a importancia de impulsar “un estudo económico meticuloso” que permita coñecer o papel da pesca deportiva en cada rexión e valorar a importancia da súa correcta xestión. Neste capítulo, os investigadores consideran como os aspectos máis débiles da normativa a regulacións dos períodos de pesca, as tallas mínimas, cupos, zonas de pesca ou o control insuficiente, e engaden que “a Lei de Pesca Fluvial de Galicia quedou desfasada e require unha substancial modificación e unha nova redacción”. Respecto das repoboacións, o proxecto as considera “completamente innecesarias” salvo se a finalidade é reintroducir unha especie nun río onde con anterioridade xa existía pero que se extinguiu ou o número de parellas reprodutoras é exiguo. Para concluír, o decálogo elaborado logo destes dous anos de traballo resalta a importancia do papel da prensa, “sobre todo a independente e especializada”, na denuncia e difusión de malas prácticas na gobernanza do patrimonio natural. Seminario Este mesmo venres pola tarde, a Aula Magna da Facultade de Bioloxía da USC acollerá o Seminario de Capitalización e difusión de resultados do proxecto. Ao evento, de 16.45 a 20.30 horas, están invitados a participar os axentes sociais implicados na xestión e conservación dos peixes migradores: expertos, prensa especializada, grupos conservacionistas, asociacións de pescadores, axentes de turismo e público en xeral. Migranet, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Para máis información sobre as actividades do proxecto, as persoas interesadas tamén poden visitar a páxina web http://www.migranet.org.es.

The contents of this page were updated on 12.21.2012.