Skip to main content
STG

O profesor da USC Benedict Buono gaña o primeiro premio de poesía Laurentum

Benedict Buono recolleu o premio no Templo de Adriano en Roma
Benedict Buono recolleu o premio no Templo de Adriano en Roma
Ao galardón, que conta con sete seccións, presentáronse na última edición 15.000 participantes

O profesor Benedict Buono, do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC, recolleu esta semana no Templo de Adriano en Roma o primeiro Premio de Poesía Laurentum na Sección ‘Italianos no mundo’. O galardón, creado en 1982 polo Centro Cultural Laurentum de Roma, está considerado como unha das competicións literarias máis prestixiosas de Italia, ademais de conseguir rango internacional nos últimos anos dirixíndose a todos os italianos residentes do mundo. O certame, no que compiten poesías escritas tanto en italiano como nos seus dialectos, contou na edición de 2011 con 15.000 participantes nas súas distintas seccións: XXV Premio Laurentum, IV Premio Laurentum ‘Para xente nova’, III Premio Laurentum ‘Italianos no mundo’, V Premio Laurentum ‘Online’, IV Premio Laurentum ‘SMS’, III Premio ‘Social Network’ e II ‘Festival de poesía para nenos’. O Premio Laurentum conta co patrocinio de numerosas institucións públicas italianas como a Presidencia do Goberno, o Senado, o Parlamento, os Ministerios de Asuntos Exteriores e da Instrución; Conferencia de Reitores Italianos; Accademia della Crusca; Región Lazio; Universidade Roma Tor Vergata e Lumsa. Benedict Buono O profesor Buono é licenciado en Filoloxía Moderna pola Universidade de Turín (1988) e en Filoloxía Italiana pola Universidade Complutense de Madrid (1993). En 1995 conseguiu o Doutoramento cum laude en Filoloxía Italiana. Desde 1990 ata 2001 foi profesor asociado de Lingua Italiana na facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e desde 2001 é titular. Autor de numerosos artigos en revistas e volumes nacionais e internacionais, ocúpase principalmente de cuestións relativas á historia da lingua italiana, sobre todo a difusión do italiano no norte de Italia desde o século XVI ata o XIX, tanto na literatura como en textos populares. Ademais dedicouse a cuestións lexicográficas entre italiano e galego. Nos últimos anos encárgase tamén da revalorización do fondo antigo italiano da Biblioteca Xeral da USC.

The contents of this page were updated on 12.20.2012.