O Claustro aproba as liñas xerais do orzamento 2011 da USC con 91 votos a favor, 57 en contra e 31 en branco

O Claustro Universitario aprobou este mércores 19 as Liñas Xerais do Orzamento 2011 presentadas polo equipo de goberno que encabeza o reitor Juan Casares. O documento acadou 91 votos a favor e 57 en contra, contabilizando outros 31 en branco, debendo agora someterse ao debate e aprobación do Consello de Goberno e do Consello Social. A proposta de orzamentos realízase “en base á situación financeira na que se atopa a USC así como o novo escenario de financiamento contemplado no Plan de Financiamento do SUG para o ano 2011 e o Plan de Austeridade establecido pola Xunta para o período 2011-2013”. O importe do orzamento para 2011, segundo a exposición do documento realizada pola vicerreitora Sara Cantorna, ascende a 228,84 millóns de euros o que supón unha diminución do 6,8 por cento con respecto ao exercicio anterior, porcentaxe que inclúe a redución experimentada polo Plan de Financiamento do SUG para este ano e tamén a situación intrínseca da institución académica dende hai anos. As contas da universidade compostelá para o presente ano propostas polo equipo de goberno consideran que “o eixo fundamental da institución son as persoas” e, polo tanto, “as repercusións da redución orzamentaria non van a afectar ás mesmas máis alá da redución establecida polo goberno do 5 por cento, mantendo as derivas obrigatorias así como as necesidades básicas do persoal”. “Atopámonos no marco da austeridade do compromiso” subliñou o reitor Juan Casares quen reiterou unha oferta de diálogo e chamou á comunidade universitaria a “traballar xuntos”. O reitor recoñeceu a dificultade que implica “unha situación na que case todo está prefixado de antemán pola escasez de medios” e mostrou a súa confianza no labor dos universitarios e nos propios orzamentos “axustados á realidade e elaborados con transparencia e sentido común”. Segundo se recollen nestas Liñas Xerais, a situación económica actual da USC obriga á presentación duns orzamentos partindo de que “os recursos económicos obtidos co Plan de Financiamento para o exercicio 2011 non cobren as necesidades existentes”, o que obriga a facer “ unha importante contención do gasto” para afrontar os gastos asociados ao persoal e ás obrigas financeiras. Deste xeito, estas liñas xerais subliñan como “imprescindible” intensificar a eficacia e a eficiencia dos recursos empregados, así como facer un seguimento do grao de execución do orzamento que permita minimizar as súas desviacións. Neste senso, o reitor aposta tamén por procurar a captación de recursos externos para que a Universidade compostelá sega manténdose como referencia de calidade dentro do conxunto das universidades españolas e europeas. No documento aprobado, o equipo de goberno lembra igualmente o esgotamento da vixencia do Plan Plurianual 2007-2010, comprometéndose a presentar no primeiro semestre deste ano a programación correspondente ao período 2011-2015 que “serva para fundamentar a reclamación de recursos externos así como para adecuar a toma de decisións desta institución”. Informe do reitor Con anterioridade á aprobación destas liñas xerais, o reitor Juan Casares presentou o seu informe no que deu conta da evolución experimentada nos últimos meses polas negociacións que deron lugar ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. Así, a finais de xullo do pasado ano aprobáronse as liñas xerais do plano de financiamento estruturado arredor de tres apartados, o financiamento estrutural, por resultados e o recibido por mellora da calidade. O proceso deu novos pasos coa definición dos indicadores asociados ao financiamento por resultados e coa distribución dos fondos destinados á cobertura dos custes estruturais derivados do normal funcionamento do SUG.
O proceso de negociación, indicou Casares, continuou cos debates sobre o financiamento por mellora de calidade que recollerá accións relativas á mellora de aspectos formativos, investigadores e de creación ou adaptación de estruturas. O seu reparto vincularase ao cumprimento por parte das universidades dos compromisos incluídos nos planos de sustentabilidade.
A sesión desenvolveu na Facultade de Filoloxía. Fotos Alfonso A vicerreitora de Economía, Sara Cantorna, foi a encargada de presentar as Liñas Xerais. Fotos Alfonso


