Skip to main content
STG

O ciclo ‘De portas a fóra’ reanuda a súa actividade cun recital poético de Ana Rodríguez de la Robla

O ciclo ‘De portas a fóra. Encontros con escritores cántabros’ reanudará este venres 18 a súa actividade coa presenza da poetisa e ensaísta Ana Rodríguez de la Robla, quen ofrecerá un recital a partir das 16.00 horas na Aula 9 da Facultade de Filoloxía, presentada polo profesor José M. González Herrán. Dirixido ao alumnado do centro, o acto está aberto a todos os membros da comunidade universitaria interesados. Esta é unha iniciativa que organiza a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC en colaboración coa Aula de Letras da Universidade de Cantabria e que coordina o catedrático de Literatura Comparada José M. González Herrán. A primeira quenda do ciclo, no pasado mes de maio, trouxo a Santiago a dous escritores cántabros, o poeta Regino Mate oe ao dramaturgo, actor e director teatral Alberto Iglesias. Pola súa banda, a USC enviou a Santander a dous profesores e escritores da institución compostelá, o autor teatral e académico da RAG Euloxia Ruibal e á poeta e ensaísta María do Cebreiro. Xa nas últimas semanas, a capital cántabra foi o destino do poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo ao que lle seguirá proximamente a escritora e profesora da USC Marilar Aleixandre. Ana Rodríguez de la Robla Doutora en Historia e Licenciada en Filoloxía e Dereito, a poeta Ana Rodríguez de la Robla é autora dunha decena de libros de Historia e de Literatura, ademais de ter publicado trinta traballos en revistas especializadas e realizados traducións de textos retóricos e poéticos latinos. Na súa faceta investigadora ocupouse con especial atención á Historia Antiga e en particular á epigrafía latina en forma versificada, tema da súa tese de doutoramento Profesora na Universidade de Cantabria e na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, impartiu conferencias e lecturas en universidades e institucións culturais de España, Europa e América. Foi asesora técnica na materia de Economía da Cultura para a Universidade de Cádiz e é experta integrante do Plan Estratéxico para a Cultura en Andalucía. Concilia a súa actividade académica coa xestión cultural e o Dereito. Na actualidade, é directora da Aula de Letras da Universidade de Cantabria. Colaborou regularmente en varios medios de prensa e suplementos culturais en España (Barcelona, Santander, Cádiz, León) e América (Caracas). Nestes momentos realiza crítica literaria e musical no Diario Montañés de Santander e escribe artigos de opinión para o suplemento Sotileza. No ámbito da creación, publicou os libros La propia habitación (2010), La última palabra (2009), Acción de Gracias (2006), Naturaleza muerta (2000), La sombra sostenida (1997) e Reloj de agua (1995). Ademais de ter recibido varios premios literarios, a súa obra poética figura en diversas antoloxías e foi traducida ao alemán e francés.

The contents of this page were updated on 11.17.2011.