Skip to main content
STG

O profesor Claudio Rodríguez Fer intervén nun congreso internacional sobre literatura de viaxe en Marrocos

Claudio Rodríguez Fer recitando ante as autoridades e Juan Goytisolo co gallo da inauguración da Biblioteca José Ángel Valente no Instituto Cervantes de Marrakech en 2007
Claudio Rodríguez Fer recitando ante as autoridades e Juan Goytisolo co gallo da inauguración da Biblioteca José Ángel Valente no Instituto Cervantes de Marrakech en 2007

O profesor da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo e director da Cátedra Valente da USC Claudio Rodríguez Fer intervén estes días en Marrocos no Congreso Internacional sobre ‘Literatura de Viaxe’, que logo da súa inauguración este luns 21 se estenderá ata o próximo xoves 24. Este é un encontro que convocan a Humboldt State University de California, a Université Ibn Tofail de Kénitra, o Institut des Études Hispano-lusophones e o Institut des Études Africaines, ambos de Rabat, ademais de contar co apoio do Instituto Cervantes de España e do Instituto Camoes de Portugal. Nesta ocasión, o congreso celébrase nas cidades marroquís de Kénitra e Rabat a onde acudiron preto de 200 investigadores procedentes de máis de trinta países de todos os continentes. O profesor e escritor Claudio Rodríguez Fer foi invitado a intervir na primeira das sesións, celebradas en Rabat, coa conferencia titulada ‘Viaxes á celtitude’, inspirada na súa obra Meus amores celtas, dedicada aos países do mundo celta e publicada por Unión libre. Cadernos de vida e culturas. Así mesmo, tamén foi invitado a ofrecer un recital poético centrado no seu libro Viaxes a ti, traducido ao francés, unha das linguas oficiais do congreso, por María Lopo e Annick Boilève-Guerlet e xa editado neste idioma en 2008. Outras colaboracións con Marrocos O profesor Claudio Rodríguez Fer ten intervido ou publicado en diversas ocasións en Marrocos, a última delas en 2007 con motivo da inauguración da Biblioteca José Ángel Valente no Instituto Cervantes de Marrakech, en compañía do escritor Juan Goytisolo alí residente, e doutras personalidades nunhas xornadas presididas polos Príncipes de Asturias e polo príncipe de Marrocos. Ademais, en 2005 co dirixiu en 2005 coa profesora Aziza Bennani e na Universidade Mohammed V de Rabat, a tese doutoral de Fatiha Benlabbah titulada ‘José Ángel Valente y el discurso místico. En el espacio de la mediación’, editada posteriormente pola Cátedra Valente de Poesía e Estética no Servizo de Publicacións da USC. O labor investigador e a obra creativa de Claudio Rodríguez Fer adoitan caracterizarse pola apertura ao universal e polo diálogo intercultural, polo que textos seus teñen sido traducidos a idiomas tan diferentes como castelán, catalán, francés, italiano, bretón, inglés, alemán, ruso ou árabe.

The contents of this page were updated on 11.21.2011.