Skip to main content
STG

Un ciclo aberto de conferencias descubrirá aspectos inéditos dos últimos achados arqueolóxicos en Lugo

O vicerreitor Pedro García Herradón presentou a programación do ciclo aberto de conferencias sobre aspectos inéditos dos últimos achados arqueolóxicos en Lugo
O vicerreitor Pedro García Herradón presentou a programación do ciclo aberto de conferencias sobre aspectos inéditos dos últimos achados arqueolóxicos en Lugo

Baixo o lema ‘¿Coñece vostede Lucus Augusti?’ nos meses de decembro e xaneiro próximos terá lugar en Lugo un ciclo de conferencias no que se presentarán os achados arqueolóxicos realizados na cidade dende 2003, ano no que se atopou o Mitreo inserto nunha domus cun grado de conservación sen igual na península ibérica. Os cinco relatorios non se limitarán a lembrar aspectos xa coñecidos da antiga Lucus Augusti, senón que por vez primeira presentaránselle á sociedade aspectos inéditos ou en vías de investigación. O ciclo presentárono este mércores na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus, Pedro García Herradón; a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey; e a profesora de Historia Antiga Mª Dolores Dopico Cainzos como coordinadora científica. Son en total cinco as conferencias do ciclo, das que dúas se dedicarán a presentar, por primeira vez publicamente, os aspectos máis importantes do descubrimento do Mitreo e o seu contexto histórico, e as tres restantes tratarán novas cuestións sobre a reconstrución da planta, a muralla e a vida cotiá na cidade. As conferencias Co suxerinte título ‘¿De verdade é excepcional o Mitreo de Lugo?’ inaugurará o ciclo o 1 de decembro, ás 19.30 horas na Vicerreitoría, o arqueólogo director da escavación do Mitreo de Lugo, Celso Rodríguez Cao. A seguinte conferencia será o 15 de decembro ás 19.00 horas na Facultade de Humanidades a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé Abraira que falará de ‘Ocio e negocio: vida cotiá en Lucis Augusti’. Catro días máis tarde, á mesma hora e lugar, intervirá o arqueólogo do Museo Provincial de Lugo Enrique Alcorta Irastorza co relatorio ‘A muralla non é (só) un monumento’. ‘A forma urbis á luz dos últimos achados’ é o título da intervención da arqueóloga do Concello de Lugo Covadonga Carreño que terá lugar o 11 de xaneiro ás 19.30 horas na Vicerreitoría. Finalmente, o 18 de xaneiro o catedrático de Historia Antiga da Universidade de Alacante, Juan Mª Abascal Palazón, pronunciará a última conferencia do ciclo, ‘O Mitreo de Lugo e o seu contexto histórico’, ás 19.30 horas tamén na Vicerreitoría.

The contents of this page were updated on 11.23.2011.