Skip to main content
STG

Comezou en Lugo o VII Curso de Primavera ‘Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’

O seminario ten como obxectivo achegar o coñecemento universitario á cidadanía lucense

Achegar o saber universitario á poboación da cidade e provincia luguesas así como complementar a formación humanística do alumnado do Campus é o obxectivo último do Curso de Primavera que nesta sétima edición leva por título ‘ Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’. Orientar o coñecemento sobre a cidade de Lugo e sobre o concepto de cidade dende múltiples campos do saber. Diso trata a iniciativa, agora promovida por Lugo Cultural e organizada dende a USC, que leva celebrándose anualmente dende o ano 2005 tomando o nome e intencións duns homónimos Cursos de Primavera que organizou nas décadas de 1960 e 1970 o Instituto Masculino ‘Lucus Augusti’ de Lugo. Inauguración A inauguración tivo lugar este martes na Casa do Saber, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, nun acto ao que asistiron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de xuventude de Lugo, Rosana Rielo Rozas; os coordinadores do curso, os profesores Carlos Baliñas e Gonzalo Francisco Fernández; e Sinesio Pérez Rodríguez, de Novacaixagalicia; Logo da apertura tivo lugar a conferencia inaugural a cargo de Antonio Prado, catedrático de Historia do IES Lucus Augusti, sobre a función sociocultural do Instituto Provincial de Lugo. A sesión continuou coas intervencións dos profesores da USC Concepción Fernández, Antonio Rodríguez Colmenero e Dolores Dopico. Agás a sesión matinal deste martes e a sesión no Xoves de Moda, que se desenvolverán na Casa do Saber, o curso transcorrerá na Facultade de Humanidades ata o venres. Ao longo destas xornadas abordaranse temas como a función sociocultural do Instituto Provincial de Lugo, a sociedade na época romano xermánica, a permanencia da cidade no mundo antigo, o sistema urbano de Galicia, a análise de exemplos de cidades patrimonio como Brasilia ou unha mirada aos escribáns lugueses dos séculos XVI ao XVIII conforman algunhas das sesións do curso. Así mesmo, afondarase nos poderes municipais e as elites cidadás na época borbónica, a arquitectura a principios do século pasado e a cidade como foco de ensino na vida adulta. O programa complementaranse con outras actividades coma unha visita guiada á exposición ‘ A Domus do Mitreo’ co arqueólogo director das escavacións. O curso Dende os seus inicios o curso tratou diversas cuestións como o IV Centenario da publicación de “Don Quijote de la Mancha” e a obra de Cervantes, o diálogo intercultural en Occidente ou o legado de Roma e Italia en Galicia. O encontro estrutúrase arredor de conferencias con poñentes procedentes non só da propia Facultade ou da USC senón doutras universidades europeas e americanas que posteriormente son publicadas en forma de volume, para dar constancia das intervencións efectuadas e asegurar a súa preservación e difusión.

The contents of this page were updated on 05.02.2011.