Skip to main content
STG

Expertos internacionais estudan na USC a relación de Valle-Inclán e as artes

O reitor Juan Casares presidiu o acto inaugural do congreso celebrado na Facultade de Filoloxía
O reitor Juan Casares presidiu o acto inaugural do congreso celebrado na Facultade de Filoloxía
O congreso inaugurado este martes en Filoloxía conmemorará o 75 aniversario da morte do escritor galego á vez que o centenario da súa obra

O congreso internacional ‘Valle-Inclán e as artes’ converterá ata o próximo venres 28 a Facultade de Filoloxía da USC en punto de encontro de expertos no escritor. Trátase dunha iniciativa promovida pola USC a modo de conmemoración do 75 aniversario da morte do escritor galego á vez que o centenario de Voces de gesta, obra emblemática da relación entre as artes e a literatura, argumento do encontro. O reitor Juan Casares inaugurou o congreso acompañado do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López-Barxas; do decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González Seoane; e da directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas. Deseguido, o catedrático da USC e secretario da RAE, Darío Villanueva, pronunciou a conferencia inaugural titulada Valle-Inclán y el cine. O programa reanúdase pola tarde, a partir das 17.00 horas, co relatorio ‘Valle-Inclán alrededor de las artes y las letras catalanas’ do profesor da Universidade de Barcelona Adolfo Sotelo Vázquez. Logo será a quenda da presentación de comunicacións. O mércores, o congreso desprázase ao Salón de Actos da Cidade da Cultura, onde o profesor da USC, Carlos Villanueva abrirá a quenda de intervencións ás 10.00 horas co tema ‘Valle-Inclán e a música’. Logo Dru Dougherty, da Universidade de Berkeley pronunciará o relatorio ‘Destruir es crear: vestigios de Orfeo en Valle-Inclán’. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, a profesora da Universidade Complutense de Madrid, Carmen López Fernández revisará os tópicos e imaxes da pintura simbolista, seguida dunha nova quenda de comunicacións. Congreso internacional A Cátedra Valle-Inclán da USC encárgase da organización desta iniciativa na que concorren prestixiosos especialistas, así como expertos en artes plásticas, música ou cine, con conferencia plenarias e comunicacións, procedentes de institucións de ensino superior de Berkeley-California, Portland, Indiana, Varsovia, Perugia ou Milán, ademais das universidades de Murcia, Barcelona, Zaragoza, Autónoma e Complutense de Madrid, xunto a especialistas da propia USC como Darío Villanueva, José Manuel López Vázquez ou Carlos Villanueva. O programa deseñado profundará nas relacións do escritor e a súa obra coas artes, no marco das correntes artísticas e o pensamento estético do seu tempo. Así, a relación do autor co mundo artístico do seu tempo; o escritor visto polos pintores, debuxantes e caricaturistas; o seu pensamento estético; a súa faceta como crítico; a edición ilustrada valleinclaniana; as artes plásticas e imaxe na súa obra; a relación coas artes escénicas ou a música; así como as adaptación cinematográficas e televisivas son algúns dos bloques temáticos nos que se artellarán as intervencións presentadas.

As persoas interesadas poden ampliar esta persoas interesadas unha páxina web coa información do encontro en http://www.usc.es/gl/goberno/vrrelins/catedras/valle-inclan/congreso.html.

Participan expertos nacionais e internacionais

The contents of this page were updated on 10.25.2011.