Skip to main content
STG

O Tratado de Endrocrinología Pediátrica do profesor Manuel Pombo recompila as últimas novidades clínico-diagnósticas e terapéuticas neste ámbito

O novo Tratado de Endrocrinología Pediátrica do catedrático Manuel Pombo recompila, “de forma precisa e detallada”, a última actualización de todos os coñecementos clínico-diagnósticos e terapéuticos da endocrinoloxía pediátrica. Un total de 181 especialistas de Europa e América colaboraron nesta obra, presentada este venres no Colexio de Fonseca, nunha sesión que presidiu a vicerreitora de Investigación, María José Alonso, e á que tamén asistiu o presidente da Asociación Española de Pediatría, Serafín Málaga.
O tratado é un manual de consulta que pretende plasmar de xeito preciso e detallada, nunha única obra actualizada, todos os coñecementos que dende o punto de vista clínico e terapéutico ten asociado o ámbito da endocrinoloxía na etapa pediátrica.
É unha obra que chega agora a súa cuarta edición logo de terse convertido nunha referencia internacional a través dunha destacada difusión que abarca todos os países de fala hispana, incluso cunha importante penetración en Estados Unidos. A cuarta edición, a presentada este venres en Fonseca coa colaboración da empresa Lilly, é unha nova evolución do tratado agora totalmente renovado.
Ademais de todos os temas relativos á especialidade, este tratado aborda aspectos como a fisioloxía ou a nutrición, entre outros, de especial relevancia para os especialistas. As once seccións nas que se divide a obra están dedicadas a conceptos xerais, desenvolvemento endócrino do feto e do recén nacido, o crecemento, desenvolvemento sexual e puberdade, páncreas endócrino e, nutrición e metabolismo, entre outros conceptos.
O Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que dirixe o profesor Pombo, recibe cada ano máis de cinco mil consultas relacionadas, principalmente, coa obesidade, problemas de crecemento e diabetes, sendo unha unidade de referencia non só desde o punto de vista asistencial senón tamén investigador.
Á hora de abordar as patoloxías endócrinas, “a prevención na idade infantil é un factor clave que debe ser especialmente atendido entre os profesionais da Pediatría, xa que unha vez instaurados, estes problemas son especialmente difíciles de afrontar con éxito”, explica Manuel Pombo. De non previlas a tempo, enfermidades como a obesidade infantil poden carrexar consecuencias especialmente preocupantes para o individuo, como trastornos emocionais, alteracións ortopédicas, trastornos metabólicos, maior frecuencia de diabete ou un aumento da frecuencia do cancro.
No relativo á diagnose e tratamento destas enfermidades, o autor recoñece que “é fundamental concienciarse de que os avances que se desenvolveron nos últimos 15 anos, sumados a unha apropiada capacitación e formación do persoal sanitario, poden representar unha fonte de aforro para o sistema sanitario moi importante ao evitar a necesidade de ingresar aos pacientes para realizar os pertinentes estudos”. Ademais, engade o doutor Pombo, coa “oportuna planificación poderanse establecer as adecuadas pautas de protocolos e actuación terapéutica”.
Neste senso, o profesor atribúe unha especial relevancia á formación dos especialistas médicos, “esta obra serve de grande axuda para todos aqueles profesionais de diferentes países que queiran formarse e consultar as últimas actualizacións en Endocrinoloxía Pediátrica”.

The contents of this page were updated on 04.23.2010.