Skip to main content
STG

O xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia concédelle o galardón ao sociólogo Manuel Castells

Os membros do xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reuníronse na tarde do venres en San Xerome
Os membros do xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reuníronse na tarde do venres en San Xerome
A reunión desenvolveuse en Santiago, no Salón Reitoral de San Xerome, e rematou ás sete da tarde do venres, dez de maio.

O xurado do XI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia decidiu, por unanimidade, concederlle o galardón ao sociólogo Manuel Castells, en recoñecemento ao seu labor de estudo e análise dos mecanismos que ofrecen as novas tecnoloxías para aumentar a dimensión da educación e investigación en todo o mundo. O premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.
Castells é un dos sociólogos de máis prestixio mundial na actualidade e principal referencia científica da Sociedade da Información, fundamentalmente desde o punto de vista da Socioloxía e a Economía. A súa produción científica céntrase nas novas tecnoloxías da comunicación con especial atención a internet. Desde os seus ensaios, Castells destaca como un grande analista na influencia das novas estruturas de comunicación, que se fundamentan en redes, nos distintos colectivos que conforman unha sociedade.
Autor de máis de vinte libros, na bibliografía de Castells destaca a triloxía The information age: economy, society, and culture (Blackwell, Oxford, 1996-2003, traducido a vinte idiomas) coa que se converteu no pai intelectual do concepto Sociedade-Rede, que sirve de base teórica para moitas accións de políticas de comunicación que actualmente levan a cabo a propia ONU ou Gran Bretaña.
O profesor Castells conta no seu haber con importantes mencións como o premio Wright Mills da Sociedade Americana de Estudos Sociais, a Orde das Artes e Letras do Goberno francés ou o Premio Ithiel de Sola Pool da American Political Science Association. No ámbito académico, é doutor honoris causa por doce universidades de todo o mundo.
XuradoO xurado estaba presidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, por delegación do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Michael Cooper (Universidade de Karlstad, Suecia); o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Internacionalización do Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey (México), Enrique Zepeda Bustos; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; e o delegado da reitora da Universidade de Karlstad (Suecia), Lars Haglund. A secretaria executiva do Grupo Compostela, Beatriz Iglesias Seoane, actuou como secretaria do xurado.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.

Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); e en 2006 o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia.

The contents of this page were updated on 05.11.2007.