A USC aposta no Día das Letras Galegas e no de Internet en Galicia pola integración das TIC e da lingua poñendo a disposición de todo o público interesado o bUSCatermos
Co gallo da celebración o 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet en Galicia, a Universidade de Santiago pon a disposición de todas as persoas interesadas a ferramenta bUSCatermos, accesible dende a páxina principal da USC (sección de Novidades) ata finais do mes de maio.
bUSCatermos é unha ferramenta informática, ata agora unicamente accesible desde calquera ordenador conectado á rede da USC, que permite consultar a través dunha interface única unha base de datos de terminoloxía técnica multilingüe formada a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios e vocabulario técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo.
Aínda que centrado na lingua galega, esta ferramenta incorpora léxico en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán. En total, son preto de 135.000 fichas terminolóxicas que remiten ao seu usuario a un fondo de máis de 313.500 termos nos idiomas descritos.
No seu conxunto, o material terminolóxico procede principalmente de tres fontes diferentes, entre as que se atopan os vocabularios e léxicos publicados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL), unha serie de dicionarios e vocabularios elaborados e publicados por outras persoas e colectivos e finalmente as fichas elaboradas polo SNL. Este corpus de fontes de consulta está en continuo proceso de actualización tanto pola incorporación de novos materiais como pola reorganización e reelaboración dos xa existentes.
Os materiais presentados nas consultas inclúen en cada ficha un campo de Valoración, que lle outorga unha puntuación segundo unha escala numérica que orienta sobre o grao de confianza que a priori cabe suporlles ás distintas propostas. Os termos recollidos adscríbense a unha área de especialidade técnica, para o cal o SNL elaborou unha clasificación xerárquica propia, que abrangue case 450 campos, revisada e actualizada con frecuencia, organizada en diferentes niveis de profundidade (ata 4 en moitos casos).
Para realizar consultas só cómpre escribir o termo que se busca ou unha palabra que pertenza a el no campo Texto da interface. Así, é posible escribir a denominación completa ou algunha das palabras que a forman. Co obxecto de limitar os resultados desa busca, resulta útil utilizar criterios como os idiomas, a definición, observacións, ou a macroárea temática á que pertence o termo.
Coordinado polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística da USC, o bUSCatermos conta na súa elaboración e mantemento co apoio da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e dos autores dos léxicos técnicos utilizados como fonte.
TeXNesta mesma liña por acadar unha maior confluencia entre as novas tecnoloxías e a lingua, a USC acadou un acordo co autor da adaptación galega do procesador TeX, Javier Múgica, polo que a institución académica distribuirá por internet e de xeito gratuíto este programa de código aberto.
TeX é un procesador de textos de código libre que facilita a introdución de fórmulas e carácteres pouco habituais na redacción, como a simboloxía grega, pero si frecuentemente utilizados por investigadores de Matemáticas, Física, Bioloxía, Química ou Enxeñaría, entre outros. Na actualidade, este editor emprégase para escribir o BOE así como numerosos boletíns, a maioría de carácter científico.