O Grupo de Música Antiga 1500 ofrece o segundo concerto do ciclo 'Música na Compañía'

O Grupo de Música Antiga 1500 ofrece este martes, día 15, o segundo concerto do ciclo Música na Compañía que organiza a Vicerreitoría de Cultura. Co programa ‘Música na época dos Fonseca. A entrada do Renacemento en Galiza’, a formación que dirixe Andrés díaz actuará ás 20:30 na Igrexa da Universidade.
Entre fins do século XV e comezos do XVI nace a Universidade de Santiago de Compostela baixo o forte impulso do terceiro dos Fonseca. Neste tránsito de século -estación de chegada e partida á vez- prodúcense unha serie de acontecementos relevantes en Galicia, nos que os Fonseca serán protagonistas: desde Fonseca II, prelado e guerreiro, até o culto Fonseca III, que se cartea con Erasmo. Este período é motivo de inspiración para o Grupo 1500 para presentar este programa con músicas fundamentalmente dos séculos XV e XVI que serven para narrar a historia dos Fonseca, pai e fillo, e a súa relación coa nosa Universidade, co mecenado, coa música e cunha importante etapa da historia de Galiza.
Unha formación musical de CompostelaO Grupo de Música Antiga 1500, de Compostela, é unha formación vogal e instrumental dedicada á interpretación da Música Antiga. Especificamente, o seu repertorio abrangue dende a música composta nos séculos centrais da Idade Media ata a música do primeiro Renacemento, tomando como referente central o ano 1500, que da nome ao grupo. Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual empregando para elo un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas, réplicas de instrumentos antigos.
Ademais da súa actividade concertística o grupo desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, dende a súa concepción e deseño ata a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais, concertos, guías e materiais didácticos, concertos monográficos de temática específica (Música en torno ao Quixote de Cervantes, conmemorativo do IV Centenario da primeira edición desta obra en 2005; ou ‘Música e Poesía, Poesía e Música’, elaborado en 2006 por encargo da Facultade de Filoloxía da USC; ‘Músicas para a Istoria de Ribadavia’, tamén en 2006 para a celebración da Festa da Istoria nesta vila, Vida de San Rosendo...).
Os compoñentes de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística como membros ou colaboradores con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Malandança, Grupo de Cámara da Universidade de Santiago, In Itinere, Música Doméstica, Capela Compostelana, Martin Codax, Resonet, Ultreia, La Chimera, Capilla Hipano-Flamenca de Gante, Banchetto Musicale etc.), e ofreceron numerosos concertos en Galiza, España e Festivais Internacionais do resto de Europa.