Skip to main content
STG

O profesor Alfonso Romero imparte unha conferencia sobre a influencia das ideas de Einstein nas Matemáticas

‘Xeometría para entender o universo’ é o título da conferencia que o profesor da Universidade de Granada Alfonso Romero pronunciará o vindeiro luns 4 de xuño nunha nova sesión do ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina pola Matemática 2007’. A sesión desenvolverase a partir das 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Na intervención Alfonso Romero referirase á influencia das ideas de Einstein en canto que determinantes no desenvolvemento de áreas relevantes das matemáticas e fundamentais para que na actualidade a ciencia sexa considerada como parte importante da cultura da humanidade.
No ano 1905 Albert Einstein con só 26 anos publicou varios artigos centrais para unha parte importante da Física e as Matemáticas actuais, establecendo nun deles a súa Teoría da Relatividade Especial. Varios anos máis tarde, publicou como xeneralización a súa Teoría da Relatividade Xeral coa intención de estudar rexións do Universo espazo-temporal non baleiras.
Tal e como porá de manifesto Alfonso Romero na súa intervención, a relatividade einsteniana predí, por exemplo, que un raio de luz pode curvarse cando pasa cerca dun corpo celeste de gran masa, efecto este que se comprobou pola observación das proximidades do Sol durante unha das súas eclipses.
Unha andaina polas matemáticasO obxectivo das distintas sesións previstas dentro deste ciclo organizado pola Facultade de Matemáticas é amosar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas, tanto nas propias matemáticas como en disciplinas como a Arte, Arquitectura, Bioloxía, Ciencias Sociais, Enxeñaría, Física, Informática, Música e Química.
No seu conxunto, o ciclo articúlase nunha serie de dez conferencias ou seminarios cunha duración de entre 120 e 180 minutos. Os conferenciantes son docentes e investigadores universitarios procedentes da propia USC e de centros do País Vasco, Valladolid ou Granada, así como profesores do ensino secundario.

The contents of this page were updated on 06.01.2007.