Skip to main content
STG

O director da Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo tomou posesión do seu cargo

O profesor Modesto Aníbal Rodríguez Neira tomou posesión este mércores como director da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela. O acto protocolario, que se desenvolveu na vicerreitoría de Lugo, estivo presidido polo reitor, Senén Barro Ameneiro e contou coa presencia de varios membros do Consello de Dirección da Universidade e un nutrido grupo de profesores do campus lucense.

Tamén acompañaron a Modesto Rodríguez Neira os outros integrantes do equipo de goberno da Escola, o subdirector e a secretaria, Rufino González Fernández e María Lina Iglesias Forneiro, respectivamente.

No acto o director da Escola Universitaria de Formación do profesorado fixo lectura do seu discurso no que insistiu nos cambios que nos estudos se están a realizar con motivo da inserción do Espazo Europeo de Ensinanza Superior e que segundo el debe servir para prever erros e dispor o necesario par aque non se volvan cometer. Modesto expuxo aspectos propios da Escola que son da súa preocupación como a ampliación dos programas de doutoramento e especialización, a constitución de departamentos propios, a sinatura dun convenio coa Consellaría de Educación para a realización de prácticas ou a creación de novos espazos e instalacións.
Pola súa banda, o reitor insistiu no excepcional labor que desenvolve a Escola de Formación do Profesorado e recordou que no plan plurianual recentemente aprobado polo Claustro da Universidade se recolle a vontade de poñer en práctica moitos dos aspectos sinalados por Modesto Rodríguez, sendo polo tanto a súa consecución unha “responsabilidade de todos”.
Modesto Rodríguez NeiraModesto Rodríguez Neira é doutor en Filoloxía e catedrático de Lingüística Xeral. Exerce a docencia na Escola de Formación do Profesorado de Lugo dende 1974, onde foi xefe de estudos, secretario, subdirector e estableceuse como director dende 2003. É membro do Claustro da USC dende 1990 do que tamén formou parte de varias comisións.

Académico Correspondente da Real Academia Galega e membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, son numerosos os seus traballos e investigacións publicadas por Rodríguez Neira, sobre todo en materia de sociolingüística.

The contents of this page were updated on 06.06.2007.