Skip to main content
STG

O presidente da Confederación Española de Caixas de Aforro pronuncia este xoves a conferencia inaugural da Cátedra Fundación Caixa Galicia de Economía e Finanzas

O presidente da Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), Juan Quintás Seoane, inaugurará este xoves 7 as actividades da Cátedra Fundación Caixa Galicia de Economía e Finanzas, que promoven conxuntamente a USC e Caixa Galicia, coa conferencia ‘A xestión do risco normativo no sistema financeiro’. A sesión desenvolverase a partir das 20:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago (r/ do Vilar, 19).
A Cátedra Fundación Caixa Galicia de Economía e Finanzas nace coa finalidade de crear un espazo para o debate e a análise de cuestións e problemas relevantes no ámbito da economía e as finanzas, con especial énfase naqueles temas que sexan de particular relevancia para Galicia. O seu programa de actividades pretenden fomentar a colaboración na promoción de actividades investigadoras no campo da economía e as finanzas, participar no respaldo de actividades docentes nos programas de posgrao e doutoramento e fomentar a colaboración entre investigadores e profesores de recoñecido prestixio internacional con profesores e investigadores da USC. A próxima actividade da Cátedra, logo da conferencia inaugural prevista para este xoves, será a celebración do Foro de Finanzas Cuantitativas o vindeiro 6 de xullo.
Juan QuintásJuan Ramón Quintás impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente na da Coruña, sendo os seus principais campos de investigación a teoría económica, a economía aplicada e as finanzas, campos nos que se lle recoñece un destacado prestixio. Pertence a numerosas asociacións científicas profesionais, entre elas, a Academia Galega de Ciencias.
En 1984 iniciou a súa actividade profesional no sector das caixas de aforro, primeiro como director xeral adxunto de Caixa Galicia e máis tarde como director xeral da Confederación Española de Caixas de Aforro, sendo dende 2002, ao mesmo tempo, o primeiro presidente profesional desta institución por elección unánime da asemblea competente.
O profesor Quintás tivo tamén unha destacada presenza no Congreso dos Deputados, con achegas aínda hoxe vixentes na Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas e noutros instrumentos normativos que constitúen a base do moderno Dereito económico autonómico. En 2003 foi nomeado Conselleiro electivo do Consello de Estado.

The contents of this page were updated on 06.06.2007.