Skip to main content
STG

Expertos mundiais debaterán en Santiago sobre melloras no tratamento psiquiátrico aos anciáns

No marco do XXXV Congreso da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica, a XV Xuntanza da Sociedade Española de Psicoxeriatría e o VIII Congreso da Asociación Portuguesa de Xerontopsiquiatría

Ao redor de 400 expertos internacionais debaterán entre o 20 e o 23 de xuño en Santiago sobre os avances e necesidades na atención psiquiátrica ao paciente ancián. No marco do XXXV Congreso da Asociación Europea de Psiquiatría Xeriátrica (EAGP), a XV Xuntanza da Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG) e o VIII Congreso da Asociación Portuguesa de Xerontopsiquiatría, que se celebrarán conxuntamente no salón de actos da Facultade de Medicina, abordaranse os principais aspectos que afectan a este colectivo. Así, trataranse cuestións como as novas tecnoloxías para a mellora da atención psicoxeriátrica, o uso e abuso de substancias na idade avanzada, a calidade de vida dos coidadores ou a educación e subespecialización en psiquiatría do ancián.
O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago conta coa primeira Unidade de Psicoxeriatría creada na rede sanitaria pública en España, cuxo responsable, o profesor de Psiquiatría da USC Raimundo Mateos, é o presidente do comité organizador destes eventos. O doutor Mateos xunto co director operativo do CHUS, Félix Rubial, e o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José Manuel Mayán, presentaron hoxe o programa do encontro.
Segundo explicou Raimundo Mateos, “a opinión pública xa está sensibilizada sobre importantes necesidades asistenciais psicoxeriátricas derivada de determinadas patoloxías como demencias avanzadas e psicoses graves”. Non obstante, sinala, “tamén teñen gran transcendencia os trastornos funcionais, nos que o paciente experimenta ansiedade, depresión e/ou hipocondría”. Con frecuencia estas patoloxías, cualificadas como “menores” non son valoradas, adoitando mesturarse con síntomas ou molestias corporais que poden contribuír á saturación dos servizos hospitalarios.
No transcurso do encontro coa prensa o profesor Mayán, membro do comité científico do congreso, destacou a “gran magnitude” deste evento internacional e manifestou o apoio da Universidade de Santiago de Compostela a este encontro pola transcendencia do tema que aborda na sociedade galega.
O director operativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Félix Rubial, subliñou a gran tradición dos dispositivos de Saúde Mental en Santiago, referencia en moitos casos para todo o ámbito autonómico. Ao mesmo tempo confirmou a aposta da xerencia porque esta situación se manteña, tal e como amosa o peso específico que este apartado ten no desenvolvemento do Plan Estratéxico do CHUS, no que se aprobou a elaboración dun Plan de Saúde Mental da área sanitaria de Santiago e a creación de dispositivos especiais de atención ó paciente ancián.

The contents of this page were updated on 06.06.2007.