Skip to main content
STG

Unha tese aproxima as literaturas chinesa e española nun estudo comparado de La Celestina e Xi Xiang Ji

Tian Xia e os profesores que lle dirixiron a tese, Santiago Fernández Mosquera e Alicia Relinque
Tian Xia e os profesores que lle dirixiron a tese, Santiago Fernández Mosquera e Alicia Relinque

A investigadora Tian Xia atopou na súa tese doutoral singulares coincidencias en temas, estilos e enfoques sociais nas obras clásicas La Celestina, de Fernando de Rojas, e Xi Xiang Ji (Historia del ala oeste), de Wang Shifu. Trátase da primeira tese deste tipo que se presenta na USC e que supón un avance significativo dentro dos estudos que acercan literaturas aparentemente afastadas como a chinesa e a española.

A grande dificultade que supón o dominio da cultura española da época da Celestina e da obra clásica chinesa Xi Xiang Ji foi o desafío máis destacado desta investigación, para a que a autora traballou coas dúas obras no seu idioma orixinal. A tese parte do feito de que ambas as dúas pezas teñen en común o protagonismo da intermediaria nos amores ilícitos: a criada Hongniang e a vella Celestina.

A investigación enmárcase no programa de doutoramento Estudos da Literatura e da Cultura e estivo dirixida polo profesor da USC Santiago Fernández Mosquera e Alicia Relinque, da Universidade de Granada.

Tian Xia, que dende hai cinco anos pertence ao grupo de investigación Calderón da USC, chega coa súa tese ao cumio dunha carreira académica á que aspiran outro alumnado chinés que asiste ás clases de Lingua e literatura españolas na Facultade de Filoloxía da Universidade compostelá. Como afirma o profesor Fernández Mosquera, “unha tese deste tipo demostra non xa o interese polo español en China senón a consolidación dos estudos que van máis alá do mero desenvolvemento lingüístico para centrarse en investigacións de grande profundidade en obras clásicas das dúas culturas”.

O tribunal que por unanimidade lle concedeu a cualificación de Sobresaliente cum laude estivo composto por Juan Casas Rigall, da USC; Isabel Cervera, da Complutense e do Instituto Confucio; e Azucena González Blanco da Universidade de Granada.

A doutoranda posa no Paraninfo cos membros do tribunal e os directores da tese

The contents of this page were updated on 02.08.2018.