Skip to main content
STG

Xornada de premios en Ciencias Económicas e Empresariais co gallo da festividade de San Vicente Ferrer

Xornada de premios en Ciencias Económicas e Empresariais co gallo da festividade de San Vicente Ferrer
Xornada de premios en Ciencias Económicas e Empresariais co gallo da festividade de San Vicente Ferrer
Cooperativa Lácteas Unidas (CLUN) recibiu o Premio Fulget 2017, que recoñece a empresas ou colectivos empresariais galegos

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebrou este xoves a festividade do seu patrón, San Vicente Ferrer, cun evento no que se entregaron distintos premios académicos, artísticos e honoríficos. Este curso é senlleiro para o centro xa que se celebran os 50 anos do inicio dos estudos universitarios de economía en Galicia, nesta mesma Universidade.

A xornada comezou coas palabras da decana do centro, Emilia Vázquez Rozas, e do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, e pechouse cun relatorio da profesora María del Carmen Guisán Seijas sobre retos da economía europea e perspectivas de emprego en Galicia.

Numerosos premios
No transcurso do acto, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) recibiu o Premio Fulget 2017 que recoñece a empresas ou colectivos empresariais galegos que destacan polo seu traballo a favor das mellores relacións entre a actividade económica e a súa contorna profesional. Recolleu o premio o director comercial de CLUN, Ramón Mandiá.

No evento tamén se entregaron os galardóns do certame de pintura CreArte na Universidade 2018. Sara Piñeiro Fernández acadou o premio pola obra ‘Holocausto’, mentres que Víctor Rodríguez Espiñeira obtivo un accésit con ‘Estación’. Do mesmo xeito, houbo un recoñecemento especial aos estudantes que fixeron posible a acción solidaria levada a cabo no pasado Nadal, a Árbore Solidaria de Nadal, unha iniciativa da Facultade a favor da asociación Centinelas. A Ana María Robles González, presidenta de Centinelas, se lle fixo entrega do importe recadado.

Asemade, entregáronselle os premios académicos extraordinarios de Grao a Fernando Riveiro Formoso e Alba Sóñora Noya (Economía) e Adrián Vázquez Parcero e Elena Pablos Buitrón (ADE); de máster a Hugo Campos Romero, Gemma Cores Alfonso, Kathryn Louise Salisbury e Maite Carballal Claro; e de doutoramento a María Alló Pazos, Jesús Barreal Penas e Rubén Lado Sestayo.

O Premio á Calidade Lingüística dos TF, PFC e TFM foi para Fernando Riveiro Formoso, mentres que o ‘ María Carmen Guisán Seijas á Introdución da Perspectiva de Xénero recaeu en Tania Fernández Navia polo TFG ‘ Factores determinantes del empleo femenino en España: un modelo econométrico regional’.

The contents of this page were updated on 04.05.2018.