Skip to main content
STG

A USC acollerá en setembro o XXIX Congreso Internacional da Asociación para a Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira

Captura da páxina web do congreso
Captura da páxina web do congreso

Ao longo de tres xornadas do vindeiro mes de setembro, a USC acubillará o XXIX Congreso Internacional da Asociación para a Ensinanza do Español como Lingua Estranxeira (ASELE), organización internacional que conta con máis de oitocentos profesores, estudantes e profesionais de preto de cincuenta países dedicados a investigador e ensinar o español como segunda lingua. ‘Perfiles, factores e contextos no ensino e aprendizaxe de ELE/EL2’ é o lema desta edición do congreso, que contará con tres liñas principais: perfís lingüísticos na ensinanza e aprendizaxe do español; factores individuais que inciden nestes procesos; e contextos no ensino do español. As persoas interesadas poderán presentar propostas de comunicacións ata o próximo 5 de xuño.

Como lembra a presidenta do comité organizador Pilar Taboada de Zúñiga Romero, o español é a segunda lingua máis importante no ámbito internacional, con máis de 477 millóns de persoas en todo o mundo que a teñen como lingua materna e tamén a segunda do mundo por número de falantes tras o chino mandarín e a segunda nun cómputo global de falantes. Segundo datos de 2017 do Instituto Cervantes, no conxunto de Internet, o español é a terceira lingua máis utilizada, posición que mellora no caso das redes sociais e nomeadamente de Facebook e Twitter, xa que nestes medios é a segunda máis utilizada. Pilar Taboada apunta que por razóns xeográficas, a porcentaxe de poboación mundial que fala este idioma como lingua nativa –o 7,8% da poboación mundial- está aumentando, cun proceso paralelo de descenso de falantes de chino e inglés.

O congreso está organizado por Cursos Internacionais e a Facultade de Filoloxía da USC coa participación de especialistas de todo o mundo nesta disciplina. O programa provisional inclúe a conferencia inaugural que pronunciará o director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto, e as conferencias plenarias de Joán-Tomàs Pujolà Font e Kim Potowski. Ademais estarán representadas o Instituto Caro y Cuervo de Colombia; COMUN-ES, Comunidade de Investigadores do Español; a Subdirección Xeral de Cooperación Internacional e Promoción Exterior Educativa; e Corpus de Aprendices de Español como Lingua Estranxeira (CAES).

The contents of this page were updated on 03.14.2018.