Skip to main content
STG

O investigador da ETSE Santiago Gómez Cuervo traballa na eliminación do metano, un gas de efecto invernadoiro

O acto de defensa e mantemento da investigación de Gómez Cuervo celebrouse recentemente na ETSE
O acto de defensa e mantemento da investigación de Gómez Cuervo celebrouse recentemente na ETSE
Estudou técnicas biolóxicas de baixo custe para a eliminación deste gas e a súa aplicación no deseño, construción e posta en marcha dunha planta de tratamento integral dos xurros dunha industria de...

O desenvolvemento de técnicas biolóxicas de baixo custe destinadas á eliminación do metano e a súa aplicación nunha planta de tratamento integral dos xurros da industria de engorde de gando porcino foron as cuestións nas que centrou a súa tese de doutoramento o investigador da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Santiago Gómez Cuervo.

O metano é un gas de efecto invernadoiro cun potencial de quecemento da atmosfera trinta veces maior que o do dióxido de carbono. Atópase presente en emisións difusas –aquelas que presentan concentracións inferiores ao 3%- que representan unha parte importante da emisión global á atmosfera deste composto a través de diversas actividades humanas (minas, vertedoiros, estacións de gas de tratamento de augas residuais ou actividades agroindustriais, entre outros).

No seu traballo de doutoramento, ademais de abordar o desenvolvemento de tecnoloxías biolóxicas de baixo custe para a eliminación do metano presente en emisión difusas (e de forma simultánea tamén compostos orgánicos volátiles e cheiros) Santiago Gómez Cuervo tamén propón a aplicación destes resultados no deseño, construción e posta en marcha dunha planta de tratamento integral dos xurros xerados por unha industria de engorde de gando porcino localizada en Chipre.

O traballo contou co financiamento da UE a través do proxecto LIVEWASTE do programa LIFE. Mediante un consorcio formado por catro universidades europeas -a USC e as universidades de Verona (Italia), Nacional Técnica de Atenas (Grecia) e Técnica de Chipre-, a empresa agroalimentaria local Animalia Genetics e unha axencia do Ministerio de Medio Ambiente de Chipre, deseñouse, construíuse e púxose en marcha unha planta para o tratamento integral de xurros de gando porcino. O seus obxectivos incluían a eliminación da contaminación que supoñen estes vertidos, a súa valorización a través da xeración dun biogás combustible, a produción dun efluente final de auga reutilizable e a produción de fertilizantes como o compost e a estruvita. Como explica o investigador, en paralelo minimízanse as emisións gaseoas de metano, compostos orgánicos volátiles e cheiros mediante as tecnoloxías desenvolvidas nas instalacións da ETSE.

O xurado, que lle outorgou a máxima cualificación de sobresaliente cum laude, conformárono a profesora da USC Sara González, Francesco Fatone, da Universidade de Verona, e o catedrático da Universidade da Coruña Christian Kennes. Baixo a dirección do doutor Jerónimo Hernández Sicilia e do catedrático Francisco Omil Prieto, o traballo ten como título ‘ Biofiltración de emisións difusas de metano: desenvolvemento de tecnoloxía e integración sistemas de tratamento de xurros’.

O xurado outorgoulle a cualificación de sobresaliente cum laude

The contents of this page were updated on 01.04.2017.