Skip to main content
STG

Debaten en Química a situación actual da investigación en epidemioloxía de augas residuais aplicada ao consumo de drogas

O profesor Manuel López Rivadulla abriu a quenda de intervencións. Foto: Servimav-USC
O profesor Manuel López Rivadulla abriu a quenda de intervencións. Foto: Servimav-USC

A xornada ‘Estimación do abuso de drogas’ reuniu este xoves en Química a medio de centro de especialistas e expertos científicos e da administración con competencias en política de drogas, así como alumnado e persoal investigador das áreas de química analítica, toxicoloxía, enxeñaría das augas ou saúde pública. Esta é unha xornada que organiza a Rede Española de Análises de Augas Residuais con Fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net) e que coordina o profesor José Benito Quintana.

Logo da benvida da decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo, e da presentación dos obxectivos da xornada por parte de José Benito Quintana, abriu a quenda de intervencións o catedrático do Servizo de Toxicoloxía Forense da USC Manuel López Rivadulla para falar do control do consumo de drogas en tráfico rodado, a quen seguiu João Matias, do EMCDDA, aludindo ao abuso de sustancias en Europa explicando as tendencias actuais e a utilidade que a análise de augas residuais proporcionará á hora de producir datos de xeito máis inmediato así como para identificar pautas de consumo dentro dun país a nivel máis local.

Iria González, do Departamento de Química Analítica da USC, revisou a situación actual e perspectivas de futuro da análise de augas residuais con fins epidemiolóxicos, aplicación iniciado coa análise do consumo de sustancias ilícitas posteriormente ampliadas ás de abuso legais como o alcol ou o tabaco. Segundo a investigadora, a tendencia actual neste ámbito aspira a expandir a súa aplicación a campos como a estimación da exposición da poboación xeral a contaminantes químicos ou como indicador xeral de riscos para a saúde.

Pola súa banda, Cristina Postigo, do Consello Superior de Investigacións Científicas, falou sobre a utilización da análise de augas residuais en Cataluña, onde a Generalitat puxo en marcha un programa piloto que se aplica en varias cidades, mentres que Lubertus Bijlsma, da Universitat Jaume I, abordou as novas sustancias psicoactivas, un dos principais problemas no ámbito das drogas de deseño na actualidade.

Para completar a sesión matinal, celebrouse unha mesa redonda cos relatores previos aos que se lle sumou Jorge Suanzes, da Subdirección xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Consellaría de Sanidade, e na que se discutiron as tendencias na medición do consumo de drogas e na utilidade da análise das augas residuais neste campo. Xa pola tarde, a rede ESAR-Net reúnese no Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC co obxectivo de planificar as próximas actividades de difusión e tamén as científicas da rede. Neste senso debaterase a posta en marcha dun proceso de monitorización conxunto a nivel nacional ou sobre a mellora da calidade da estimación de consumo de alcol, a través da implementación dun exercicio interlaboratorio.

O equipo de organización desta xornada considera que o consumo de drogas é un comportamento complexo, oculto e estigmatizado que resulta difícil de cuantificar. A análise de augas residuais para a determinación de produtos de excreción metabólica humana (epidemioloxía das augas residuais) “pode ofrecer datos obxectivos en tempo real sobre pautas xeográficas e temporais do abuso de sustancias e, combinado e integrado con outros métodos establecidos, pode ofrecer unha imaxe máis clara sobre esta problemática”, aclara o profesor José Benito Quintana.

ESAR-Net
ESAR-Net é unha rede científica financiada pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria Redes de Excelencia 2016. Coordinado polo profesor e investigador do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC, a rede intégrana seis grupos de investigación españois co fin de contribuír ao avance científico da epidemioloxía de augas residuais en España e difundir o potencial desta ferramenta ás autoridades e entidades potencialmente interesadas e á sociedade en xeral.

The contents of this page were updated on 11.16.2017.