 
    O Servizo de Normalización Lingüística analiza a información que declara o profesorado na súa programación docente, e elabora a partir del informes que describen o peso do galego, do español e doutras linguas na actividade docente.
Ademais de datos xerais, tamén é posible ver información desagregada por áreas de coñecemento, centros, titulacións, departamentos...
Á hora de planificar a docencia dunha materia do curso seguinte, o profesorado ten que elaborar unha guía docente na que entre outra información académica (programa formativo, actividades docentes, criterios de avaliación...) debe figurar a lingua que el ou ela vai empregar á hora de impartila.
Esa información rexístrase na aplicación que xestiona a planificación académica da USC e ofréceselle publicamente ao alumnado a través de internet para que conte con elementos de xuízo á hora de personalizar o seu itinerario académico.
Os datos que aquí se ofrecen derivan da análise dos plans de ordenación docente (POD) anuais dos departamentos, de acordo cos datos que eles mesmos achegan a través da aplicación XesCampus. As modificacións que se van producindo durante o curso académico nalgúns dos items do POD non sempre se acompañan das necesarias modificacións no ítem da lingua, polo que cómpre consideralos con certa precaución. Porén, si apuntan as tendencias que se poden percibir.
Neste documento analizamos o rol que o galego, o castelán e outras linguas están tendo na actividade docente na USC durante o curso actual. A información procede -igual ca en anos anteriores- da declaración de compromiso que o profesorado realiza cando presenta a programación docente das súas materias antes do comezo de cada curso.
O titular principal desta análise sería que neste curso 2025-26 o galego vai chegar ao 29,2% das horas docentes. Esta cifra supón un aumento de case 4 puntos porcentuais con respecto ao curso anterior, o máis grande desde que recollemos estes datos.
Por campus, mantense a diferenza histórica entre Lugo e Santiago: mentres que o primeiro se aproxima ao 40% de docencia en galego (39,3%), o segundo queda máis de 10 puntos por debaixo (27,4%). Pero ao impartirse no campus compostelán case o 85% das horas totais de docencia, os datos xerais da USC aseméllanse moito a estes últimos.
O incremento deste curso podería parecer modesto mirado porcentualmente, pero supón aumentar en máis de 20.000 as horas de docencia que se imparten en galego con respecto ao curso anterior.
Unha das razóns que poden explicar este feito é que a partir do curso que andamos a USC recoñece oficialmente con 0,2 horas docentes equivalentes (HDE) cada hora lectiva que o profesorado a tempo completo e substituto a tempo parcial imparta en galego, o que supón un incentivo directo para a promoción desta lingua na docencia universitaria.
A análise da evolución desde 2015 amosa que a docencia en galego na USC experimentou un crecemento gradual pero constante.
Os 8,2 puntos porcentuais que van desde o 21% do curso 15-16 ata o 29,2% do actual supoñen un incremento significativo (especialmente nos tres últimos cursos) e marcan unha tendencia de crecemento que haberá que intentar consolidar en vindeiros exercicios.
Este incremento supón unha redución semellante da presenza do castelán (desde o 75,3% ata o 66,6%), xa que a presenza das linguas estranxeiras mantense practicamente invariable en todo o período analizado.
Ao analizar os datos por áreas de coñecemento ponse de manifesto que, en canto ao uso da lingua propia, a USC acolle no seu interior realidades moi diferentes.
| Área de coñecemento | Galego | Descrición | 
|---|---|---|
| Ciencias Sociais e Xurídicas | 59,5% | O galego incrementa a súa presenza con respecto a anos anteriores e convértese no idioma maioritario. | 
| Artes e Humanidades | 42,1% | O galego incrementa a súa presenza con respecto a anos anteriores e achégase a unha situación de equilibrio co castelán. | 
| Ciencias | 33,6% | O galego incrementa a súa presenza e consolídase como lingua relevante na docencia. | 
| Enxeñaría e Arquitectura | 29,9% | O galego descende levemente con respecto a anos anteriores, e queda media da USC. | 
| Ciencias da Saúde | 5,3% | Partindo dunha presenza xa anecdótica, o galego aínda cae un pouco máis con respecto a anos anteriores. | 
Ese 5,3% rexistrado na área de Ciencias da Saúde segue a ser a principal pexa que lastra os datos xerais da USC, pois esa área concentra máis do 40% das horas docentes. Isto explica que a presenza media do galego na Universidade estea por baixo dos valores que acada en catro das cinco áreas de coñecemento.
Se agora miramos os datos segundo os tipos de estudo, vemos como se mantén a tendencia de anos anteriores: máis docencia en galego nos estudos de máster ca nos de grao.
Esta diferenza, en principio sorprendente dado o carácter máis internacional dos estudos de máster, explicaríase porque neles a área de Ciencias da Saúde ten un peso (8,5% das horas docentes) e é a de Ciencias Sociais e Xurídicas a que asume a maior parte (40,7% das horas docentes).
Así parece confirmalo o feito de que no campus de Lugo (onde os estudos vinculados á área de Ciencias da Saúde teñen un peso menor) esa diferenza entre os estudos de grao e os de máster desapareza.
Se miramos agora a evolución ao longo dos últimos anos vemos como o peso do galego experimentou un incremento significativos nos dous últimos cursos, dobrando a liña recta que caracterizaba o período anterior.
En realidade, as grandes áreas de coñecemento non son máis ca o resultado de agregar unha serie de estudos de grao. Xa que logo, se agora analizamos as titulacións de grao que se imparten na USC, o resultado vai correlacionar moi ben co anterior:
Excluíndo o Grao en Lingua e Literatura Galegas por razóns obvias, os estudos con maior presenza do galego son:
- Pedagoxía (~96%)
- Educación Social (~93%)
- Xornalismo (~85%)
- Xeografía e Ordenación do Territorio (~91%)
- Economía (~88%)
- Mestre de Educación Infantil [Santiago] (~81%)
- Comunicación Audiovisual (~79%)
Todos eles pertencen á área de Ciencias Sociais e Xurídicas, confirmando o patrón observado na análise por áreas.
No extremo oposto, se excluímos os graos de estudos lingüísticos e algunhas titulacións adscritas, son titulacións da área de Ciencias da Saúde as que ocupan os últimos postos:
- Medicina (~3%)
- Odontoloxía (~6%)
- Enfermaría [Santiago] (~13%)
- Farmacia (~16%)
- Nutrición Humana e Dietética (~16%)
- Óptica (~20%)
Igual ca en anos anteriores, hai titulacións que escapan ao patrón da súa área de coñecemento, como Enfermaría [Lugo], cunha boa presenza de galego, ou Dereito ou Relacións Laborais [Santiago], moi por abaixo das outras titulacións da área de Ciencias Sociais.
Na medida en que os centros agrupan titulacións afíns, cando a análise se centra neles volve amosar os mesmos patróns que vimos en gráficas anteriores.
Os centros nos que se imparten estudos de ciencias sociais ocupan os primeiros lugares, e nos últimos aparecen os vinculados á formación en ciencias da saúde.
A incidencia que a situación en cada centro ten sobre o panorama xeral das linguas docentes na USC non se manifesta só na porcentaxe de docencia en galego, senón tamén no número de horas docentes impartidas en cada centro. Iso vémolo ben na gráfica seguinte:
Por exemplo, a Facultade de Medicina e Odontoloxía condiciona os datos de toda a USC non só por non superar o 3% de docencia en galego, senón tamén porque nela se imparten máis de 127.000 horas anuais de docencia (perto do 30% das da USC no seu conxunto). Se excluísemos este centro dos nosos cálculos, a presenza do galego na docencia achegaríase ao 40%.
Imos fixarnos agora na evolución de cada centro desde o curso 2015-16.
Na maior parte dos 29 centros docentes da USC, pódese detectar un aumento da docencia en galego con respecto ao curso anterior, probablemente promovido polo recoñecemento de horas docentes equivalentes que mencionamos con anterioridade.
Dependendo do punto do que parte cada centro, ese incremento pode servir:
- para consolidar o lugar do galego como lingua principal (Formación do Profesorado, Humanidades, Filosofía, CC. Políticas)
- para converterse na lingua principal de docencia no centro, en moitos casos por primeira vez desde que recollemos datos (CC. Económicas, Xeografía e Historia, Traballo Social, Enfermaría -Lugo-)
- para ir gañando espazos para esta lingua, pero aínda nun lugar secundario (Bioloxía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito, Farmacia, Química, ETSE, EPSE, Relacións Laborais -Santiago-, Matemáticas, Enfermaría -Santiago-)
Noutros centros non detectamos avances tan significativos como nos anteriores. En parte deles (CC. da Comunicación, CC. da Educación), porque o galego xa é a lingua habitual da docencia. E noutros, porque parecen estar nunha situación de estancamento cuxo caso máis evidente é a Facultade de Medicina, o único centro propio (non adscrito) da USC que queda por baixo do 10% de docencia en galego (non supera o 3%).
Os departamentos son as estruturas universitarias encargadas de planificar e desenvolver o ensino correspondente a un ámbito de coñecemento. É aí, xa que logo, onde cada docente decide en que idioma imparte as materias que se lle encomendan. Pero na medida en que se organizan por ámbitos de coñecemento, van amosar unha fotografía moi semellante á que en que se planifica e organiza a docencia
Análise por categorías do profesorado
ENGADIR IMAXE [Docencia-GL-segundo-categorias.jpg]
A análise por categorías profesorais confirma que a elección da lingua docente non está directamente relacionada co tipo de vinculación coa Universidade, coa notabilísima excepción do profesorado asociado de Ciencias da Saúde.
Este colectivo, que imparte case unha cuarta parte da docencia total da USC (fundamentalmente docencia clínica), presenta unha taxa de uso do galego inferior ao 1%. A súa influencia é tal que, se se retirase desta categoría das análises, a porcentaxe xeral de docencia en galego subiría ata superar o 33%.
Análise departamental: a diversidade interna
A análise por departamentos revela unha notable diversidade interna, mesmo dentro de áreas de coñecemento aparentemente homoxéneas. Departamentos como Filoloxía Galega ou Pedagoxía e Didáctica presentan porcentaxes de docencia en galego superiores ao 80%, mentres que outros, como Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias, non superan o 10%.
Conclusións e perspectivas
Principais conclusións do curso 2025-26:
- A docencia en galego acadou o 29,2% das horas totais, o dato máis alto da última década.
- O incremento de 3,8 puntos porcentuais representa un cambio de tendencia respecto á estabilidade dos anos anteriores.
- A medida de recoñecemento de 0,2 HDE por docencia en galego pode explicar parte deste incremento.
- Persisten as enormes diferenzas entre áreas, con Ciencias da Saúde como principal condicionante dos datos xerais.
Perspectivas de futuro
Os datos do curso 2025-26 suxiren que a USC podería estar a vivir un punto de inflexión na normalización lingüística da súa docencia. O incremento experimentado, o maior nunha década, indica que as medidas de promoción do galego poden estar a xerar resultados tangibles.
Con todo, cómpre manter e reforza as actuacións en dúas direccións:
- Consolidar os avances: Asegurar que o incremento observado non é conxuntural senón o inicio dunha tendencia sostida.
- Abordar os desequilibrios estruturais: Desenvolver actuacións específicas e ambiciosas na área de Ciencias da Saúde para reducir as enormes disparidades existentes.
A consecución do obxectivo de impartir un terzo da docencia en galego no ano 2026, comprometido publicamente pola USC, parece agora máis próxima ca nunca, pero requerirá un esforzo sostido e medidas adicionales para superar os condicionantes estruturais que aínda persisten.
Nota metodolóxica: Os datos que se presentan a continuación proceden da análise dos plans de ordenación docente (POD) dos departamentos, de acordo coa información que achegan a través da aplicación XesCampus. Trátase de declaracións de intención do profesorado sobre a lingua que empregará na súa docencia, polo que deben ser considerados cunha certa precaución, aínda que si apuntan tendencias e permiten achegarnos á realidade lingüística das aulas da USC.
Elaboración: Servizo de Normalización Lingüística • Datos: Plan de Ordenación Docente da USC (curso 2025-26)
Presentamos a continuación o informe sobre o uso do galego, do castelán e doutras linguas na actividade docente correspondente a este curso. Nel descríbese con datos, senón exactos si aproximados, a realidade lingüística que se está a vivir nas aulas da USC no momento actual.
Comecemos vendo os datos máis xerais (para ver as porcentaxes exactas, poñer o cursor enriba do sector da torta).
No curso 24-25 impartíronse en galego pouco máis do 25 % das horas docentes. Igual ca en anos anteriores, o campus de Lugo aparece máis galeguizado ca o de Santiago (36 % fronte a 23 % de docencia en galego); pero, ao impartirse neste último máis do 80 % da docencia total da USC, os valores do campus lucense inciden pouco sobre a media xeral.
Esta cifra é a máis alta dos últimos 10 anos, nun marco xeral que amosa un leve incremento do galego (do 20 ao 25 %), un descenso correlativo do castelán e unha presenza mínima do inglés e doutras linguas.
Se comezamos a desagregar os datos xerais atendendo a diferentes criterios aparece unha realidade moi diversa.
Por exemplo, ao poñer a mirada nas grandes áreas de coñecemento parece haber varias USC:
- 
a das ciencias sociais, na que o galego é lingua habitual da docencia e ten unha presenza semellante á do castelán. 
- 
a das ciencias da saúde, que relega o galego case a un papel de lingua estranxeira, cun 5 % das horas docentes. 
- 
a das ciencias, da enxeñaría e das artes e humanidades, onde o galego é unha lingua consolidada pero minoritaria na docencia: supera a media da Universidade, pero non vai alén dun terzo (34 %). 
Pero, como pode estar a porcentaxe de docencia en galego na USC por baixo da que se rexistra en 4 das súas 5 áreas de coñecemento? Porque na quinta (ciencias da saúde) inclúese máis do 40 % de toda a docencia da Universidade (o 43 %). Xa que logo, o lugar ao que alí se relega ao galego condiciona en gran medida os datos totais.
Esta diferenza entre grandes áreas de coñecemento pode estar implicada tamén noutros resultados que, en principio, chaman a atención.
Por exemplo, sorprende que se imparta máis docencia en galego nos másteres ca nos graos (37,9 % fronte a 24,2 %), se temos en conta que o primeiro tipo de estudos ten unha maior vocación internacional (velaí a presenza do inglés, que supera o 5 % da docencia).
Ademais, este resultado non é unha anomalía do curso que andamos, senón que se vén repetindo na última década.
Pero -outra sorpresa- tal diferenza só existe no campus de Santiago, pois no de Lugo o galego úsase a un nivel moi semellante en graos e másteres.
As diferenzas no uso do galego entre áreas de coñecemento son -na nosa opinión- as que explican isto. Nos estudos de grao a docencia que lle corresponde á área de Ciencias da saúde é moito maior en Santiago (49 % do total) ca en Lugo (30 %); pero nos estudos de máster o peso desa área baixa ata o 10 % en ambos os dous campus. Se conectamos isto co feito de que a presenza do galego era anecdótica nesa gran área de coñecemento, temos a causa desa diferenza.
A realidade que vimos nas áreas de coñecemento non é máis ca o resultado agregado do que se observa ao analizar as diferentes titulacións de grao.
Por exemplo, se comezamos mirando para os estudos máis galeguizados (e excluímos o Grao en Lingua e Literatura Galega, por razóns obvias), os 7 primeiros (Xeografía e Ordenación do Territorio, Educación Social, Pedagoxía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Mestre en Educación Primaria e Mestre en Educación Infantil) forman parte da área de Ciencias sociais.
E se imos agora aos últimos postos da lista (e ignoramos o Grao en Lingua e Literatura Inglesas e algúns estudos adscritos, como Relacións Laborais -Lugo- ou Xestión de Empresas Hostaleiras), aparecen unha tras doutra as titulacións da área de Ciencias da saúde (Enfermaría, Medicina, Odontoloxía, Farmacia...), cunha presenza ínfima da docencia en galego, que nos mellores casos supera por pouco o 10 %.
Pero como en toda norma hai excepcións, algúns graos escapan do patrón da súa área de coñecemento, xa en sentido positivo como Enfermaría en Lugo (máis do 40 % de docencia en galego) xa no negativo, como Dereito ou Relacións Laborais en Santiago, que quedan moi por baixo das cifras medias da súa área de Ciencias sociais.
Os datos por centros reproducen en boa medida o que vimos nas grandes áreas de coñecementos, xa adoitan acoller titulacións moi relacionadas entre si e que pertencen a unha mesma área.
Por iso, en xeral, as rodas con máis cor amarela corresponden a centros que imparten estudos de Ciencias sociais, e o azul manda sobre todo nos de Ciencias da saúde.
Pero os datos anteriores sen máis contexto lévannos a unha pregunta: como pode ser que a docencia en galego na USC non supere o 25 % se en 17 dos 30 centros a porcentaxe é maior ca esa cifra?
A resposta témola na gráfica seguinte. Nela, o eixe vertical e o tamaño indican o número de horas docentes que se imparten nun centro determinado, mentres que o eixe horizontal e a cor (de vermello a verde) representan a porcentaxe que se imparte en galego.
Vemos así que a cantidade de docencia que cada centro achega ao total é moi diferente. A maior parte deles móvense entre as 10.000 e as 30.000 horas impartidas, coa notabilísima excepción da Fac. de Medicina e Odontoloxía, que supera as 120.000 horas de docencia, das cales só o 2 % son en galego.
O efecto combinado de ambas as magnitudes reduce en case 10 puntos porcentuais a presenza media da docencia en galego na USC, e explica por que esta se sitúa por baixo da que se rexistra na maioría dos seus centros. Outros da mesma área, como Farmacia ou Enfermaría, tamén contribúen a baixar esa media, pero en menor medida, ao asumiren menos horas docentes.
Se revisamos agora como foi a evolución de cada centro ao longo da última década, vemos que dominan as liñas chairas, que reproducen a escala o panorama de estabilidade con dominio do castelán que aparece nos datos xerais.
Pero se imos alén da visión xenérica, hai varias cuestións que merecen ser comentadas:
- Nun número importante de centros a presenza do galego variou pouco desde 2015, pero non podemos tratalos como se fosen un grupo homoxéneo. Porque dentro desa categoría de 'centros estables' temos algúns que se sitúan ben por riba da media da USC (Formación do Profesorado, Económicas, Escola Politécnica Superior de Enxeñaría...), nos que esa estabilidade significa o asentamento duns datos aceptables ou mesmo bos. 
 Pero noutros (Medicina, Farmacia, Enfermaría -Santiago-, Relacións Laborais...) a estabilidade en porcentaxes nulas ou anecdóticas de docencia en galego representa o fracaso -ou a inexistencia- das actuacións encamiñadas a mudar esa situación.
 
- Noutros, o galego vai paseniño gañando terreo na docencia. Ciencias da Educación, Humanidades, Bioloxía ou Ciencias vanlle abrindo novos espazos ao galego, partindo desde situacións moi diferentes e adaptándose ás súas propias realidades, pero chegando nalgúns casos a multiplicar por dous a docencia en galego no período que analizamos. Poden parecer modestos, pero se nos fixamos nos incrementos vemos que nalgún caso chégase a dobrar a presenza do galego nas aulas. 
 
- Facultades como Física, Matemáticas, Dereito ou Veterinaria parecen atoparse  nunha fase de estancamento, despois dalgúns anos de tendencia ascendente. Como as variacións son moi pequenas é moi difícil intuír a causa, pero sería importante reimpulsar neses centros actuacións que reactiven o pulo que permitiu os avances pasados.
 
- Por último, as gráficas dalgúns centros (Políticas, Xeografía e Historia, Enfermaría -Lugo- ou Traballo Social) reflicten grandes oscilacións entre uns anos e outros. Este efecto "montaña rusa", que non se pode explicar por ningunha actuación concreta desenvolvida neles, podería estar reflectindo problemas na recollida dos datos. Algo que haberá que analizar máis polo miúdo e que nos leva a tratar a información dispoñible con moita prevención.
Ata agora repasamos o que ocorre na USC a nivel estrutural: territorial (campus), académico (áreas de coñecemento e titulacións) ou organizativo (centros). Pero quen elixe a lingua da docencia é unha profesora ou profesor concreto; por iso, a seguinte gráfica fíxase neles e intenta ver se esa elección está relacionada coa categoría profesional.
En xeral, a resposta é "non", porque as categorías de profesorado que asumen máis horas de docencia (titulares de universidade, catedráticas/os, contratados/as doutores, axudantes doutores, asociados/as LOU) tenden a agruparse arredor da liña de tendencia. Isto significa que imparten en galego a docencia que -grosso modo- se agardaría vista a situación xeral da USC.
Pero dixemos "en xeral", porque hai unha excepción ben visible e ben vermella pegada ao eixe vertical da gráfica: o profesorado asociado de ciencias da saúde. Este colectivo imparte case a cuarta parte da docencia da USC (case exclusivamente docencia clínica), e dela só o 1 % en galego. A súa influencia é tal, que se os retirásemos das análises, a porcentaxe de docencia en galego subiría ata o 33 %.
Todos os datos que acabamos de amosar -moi semellantes aos de cursos anteriores- lévannos cara a conclusións tamén moi parecidas ás de informes pasados:
- A docencia en galego leva anos estabilizada na banda do 20 a 25 % do total de horas impartidas, cunha presenza maior nos másters ca nos graos. Podemos congratularnos por superar por ver primeira a barreira do 25 %, aínda que sexa por unhas décimas, pero estas porcentaxes, nunha USC que declara o galego como "lingua propia" deberían levar a actuacións decididas para promover o seu emprego.
 
- Nese 25 % inclúense situacións de uso moi diferentes: nalgúns estudos a docencia en galego é o habitual e noutros case unha anomalía.
 
- As cifras xerais da USC están moi condicionadas polo que ocorre nos estudos de Ciencias da saúde: neles, a docencia en galego ten unha presenza case equiparable á dunha lingua estranxeira. Cómpren actuacións ambiciosas e decididas nelas para intentar mudar esa realidade e conseguir achegar as cifras que hoxe presentan á media da institución da que forman parte. 
 
- Cómpre apoiar e consolidar as actuacións dos centros en que se vén detectando un incremento progresivo da docencia en galego, e ver se é posible estendelas a outros que están máis estancados.
 
Velaí o informe anual sobre o uso do galego, español e outras linguas na actividade docente, desagregada por áreas de coñecemento, centros, titulacións, departamentos... Como resumo, a lingua galega é utilizada no 25 % das horas docentes, mentres que o castelán ocupa o 72 %.
Estes datos achégannos de forma obxectiva á realidade lingüística que se está a vivir nas aulas da USC no curso 2023-24. Malia seren datos tirados de declaracións de intencións (realizadas polo propio profesorado no momento de rexistrar a programación académica das súas materias do curso seguinte) e non rexistros de usos reais, apuntan tendencias e permiten albiscar a realidade con bastante aproximación.
Acheguémonos logo, á primeira gráfica (para ver as porcentaxes exactas, poñer o cursor enriba do sector da torta).
No curso 23-24 impartíronse en galego pouco menos do 25% das horas docentes. A porcentaxe é máis alta no campus de Lugo ca no de Santiago (34% vs 22%). Pero o dato xeral está moi achegado a este último, porque máis do 80% das horas docentes impártense na sede compostelá.
Tamén se detecta máis docencia en galego nos másters ca nos graos (33% vs 23%), algo que pode parecer sorprendente, xa que os primeiros teñen maior vocación internacional (velaí a presenza do inglés, que chega ao 5%), e un dos argumentos que aínda escoitamos contra a presenza do galego é que "non vale para nada fóra de Galicia"
Esta diferenza reproduce a que existe no campus de Santiago, pois no de Lugo a presenza do galego é moi semellante nos dous tipos de estudo.
Esta situación vénse amosando moi estable ao longo do tempo. Galego e castelán son dúas liñas paralelas que se moven entre o 20 e o 25% a primeira e entre o 70 e o 75% a segunda, e que parecen amosar unha lixeirísima tendencia á converxencia.
Ao desagregarmos a evolución por tipo de estudo vemos repetida a mesma imaxe de estancamento, cun galego que só é quen de acadar avances mínimos. E tamén a evolución paralela de graos e másters, que veñen mantendo ao longo dos anos esas diferenzas de arredor de 10 puntos en canto á presenza do galego.
De feito, o cambio máis visible, e no que si se percibe unha tendencia crecente é no peso do inglés na docencia de máster, que vén subindo desde o curso 2018-2019 e ocupa xa ao 5,3% das horas impartidas nesta modalidade de estudo.
Pero neste marco xeral conviven situacións moi diferentes, que saen á luz ao poñermos o foco sobre ámbitos máis concretos. Por exemplo, abonda con analizar por separado os datos das cinco grandes áreas de coñecemento para que xurdan universidades con pouco en común entre elas.
Así, na área de ciencias da saúde o galego recibe case un trato de lingua estranxeira (4,5%), mentres que nas outras catro, a presenza do galego supera a media da USC no seu conxunto. En dúas delas (enxeñaría e arquitectura, e ciencias) acada entre o 25 e  30%, en artes e humanidades supera esta cantidade (33%) e en ciencias sociais e xurídicas achégase ao 50%. De feito, nestas dúas últimas a docencia en galego está perto de chegar ás cifras da que se imparte en castelán.
Pode parecer contraintuitivo que catro áreas de coñecemento estean por riba da media e só unha por baixo. A razón que explica iso é a baixísima presenza do galego en ciencias da saúde e peso da docencia nesta área (case o 40%) sobre o total da impartida na USC.
Se seguimos afondando na análise e observamos agora a situación en cada grao, atoparemos realidades opostas, pero que en xeral se cadran moi ben cos datos que xa fomos expoñendo.
Por exemplo, se analizamos a táboa polo comezo (e excluímos o Grao en Lingua e Literatura Galega, por razóns obvias), as 6 primeiras titulacións que aparecen (Educación Social, Xornalismo, Pedagoxía, Comunicación Audiovisual, Mestre en Educación Primaria e Mestre en Educación Infantil) forman parte da área de ciencias sociais.
E se miramos agora ao final (e deixamos fóra Lingua e Literatura Inglesas e os graos adscritos en Relacións Laborais -Lugo- e de Xestión de Empresas Hostaleiras), aparecen unha tras doutra as titulacións da área de ciencias da saúde (Medicina, Odontoloxía, Enfermaría, Farmacia, Nutrición), con porcentaxes de presenza do galego anecdóticas en moitas delas, e que nos mellores casos superan por pouco o 10%.
Pero como cada titulación ten as súas dinámicas propias, tamén atopamos casos en que determinados graos escapan do patrón da súa área de coñecemento, como Enfermaría no campus de Lugo, que supera o 40% de docencia en galego, ou, no sentido contrario, Dereito ou Criminoloxía, que se quedan moi lonxe dos valores que acadan a maior parte dos graos da área de ciencias sociais e xurídicas.
A análise por centros amosa tamén grandes disparidades entre eles, derivadas normalmente das áreas de coñecemento en que se integran as titulacións que neles se imparten.
Unha mirada superficial a esta gráfica pode chamarnos a atención. Non hai moi pouco amarelo (galego) na gráfica que representa o total da Universidade, tendo en conta o que se ve nos diferentes centros? Se máis do 40% dos centros imparten un terzo ou máis da súa docencia en galego, como pode ser que a media non dea chegado nin ao 25%?
A resposta salta á vista na seguinte gráfica: porque hai algúns centros -nomeadamente un- que afunden esa media.
Na gráfica anterior o eixe vertical e o tamaño representan o número de horas docentes que se imparten nun centro determinado. O eixe horizontal e a cor (do verde ao vermello) representan a porcentaxe desas horas que se imparten en galego.
Vemos como a maior parte dos centros se agrupan na zona que vai entre o 20 e o 40% de docencia en galego e entre as 10.000 e as 30.000 horas impartidas. Pero a situación excepcional da Fac. de Medicina e Odontoloxía, con máis de 120.000 horas de docencia, das cales menos do 2% en galego, supón un freo que baixa a media xeral da USC en case 10 puntos porcentuais.
Outras titulacións da área de ciencias da saúde, como Farmacia ou Enfermaría, tamén tiran cara a abaixo por esa media, pero de forma menos intensa ca Medicina ao asumiren menos horas docentes.
Se miramos agora a a evolución de cada centro ao longo do tempo, o máis habitual vai ser atoparmos liñas chairas, que reproducen a menor escala a situación de estabilidade dominada polo castelán que amosan os datos xerais.
Pero indo máis alá da impresión xeral, hai cuestións que merecen ser comentadas:
- Como xa dixemos, nun número importante de centros a presenza do galego variou pouco desde 2015. Pero sería un erro consideralos como un grupo homoxéneo, porque aí están centros que superan por moito a media da USC (Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Económicas, Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), nos que esa estabilidade pode entenderse como a consolidación dunha situación aceptable ou mesmo moi boa. Pero tamén vemos liñas horizontais en centros en que o galego ten unha presenza anecdótica ou nula (Medicina, Farmacia, Enfermaría -Santiago-, Relacións Laborais), así que esas liñas son o reflexo da inexistencia ou do fracaso das actuacións encamiñadas a ir mudando esa situación.
- Porén, tamén se poden atopar centros en que a situación do galego na docencia vai mellorando. Incrementos coma os de Matemáticas (do 23% ao 38%), Física (do 21% ao 34%), Traballo Social (do 30% ao 45%), Bioloxía (do 10% ao 20%) ou Química (do 11% ao 15%) poden parecer modestos, pero se nos fixamos nos incrementos vemos que nalgún caso chégase a dobrar a presenza do galego nas aulas. Por iso, é moi importante adoptar medidas que permitan manter estes avances, así como consolidar os que comezaron a producirse neste último curso en centros como Administración e Dirección de Empresas ou Enxeñaría Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).
- Outros centros (como Ciencias, Dereito, Humanidades ou Veterinaria) parecen atoparse agora nunha fase de estancamento, despois dalgúns anos de mellora. Sería importante conseguir reimpulsar medidas de galeguización neles antes de que o desánimo ou o conformismo se espallen e se perda definitivamente o pulo que permitiu os avances de anos anteriores.
- Por último, as gráficas dalgúns centros (Políticas, Xeografía e Historia, Enfermaría -Lugo-) reflicten grandes oscilacións entre uns anos e outros. Este efecto "montaña rusa", que non se pode explicar por ningunha actuación concreta desenvolvida neles, podería estar reflectindo problemas na recollida dos datos. Algo que haberá que analizar máis polo miúdo e que nos leva a tratar a información dispoñible con moita prevención.
Ata o momento estivemos fixándonos nas estruturas da USC: nas territoriais (campus), nas académicas (áreas de coñecemento e titulacións) ou nas organizativas (centros). Pero antes de rematar parecíanos interesante mudar o foco e fixarnos en quen elixe a lingua da súa docencia: unha ou un docente concreto. Por iso, imos ver se esa elección está relacionada coa categoría profesional a que pertence.
En xeral, poderiamos dicir que non, porque as distintas categorías tenden a agruparse arredor da liña de tendencia. Isto quere dicir que cada categoría imparte, grosso modo, a docencia en galego que se agardaría segundo a súa participación total na docencia da USC, e segundo a presenza do galego nesa docencia.
Pero diciamos "en xeral", porque hai unha excepción evidente, ben visible e ben vermella no extremos esquerdo da gráfica: o profesorado asociado de ciencias da saúde (outra vez máis "ciencias da saúde"). Os membros desta categoría profesional imparten o 23% da docencia total da USC, e só o 0,6% da que se imparte en galego.
Como conclusión de todos os datos que acabamos de debullar (e tendo en conta que as porcentaxes concretas deben ser tomadas cunha certa prevención), poderiamos apuntar que:
- A docencia en galego leva anos estabilizada entre o 20 e o 25% do total de horas impartidas, cunha presenza maior nos másters, onde chega ata o 33%. Tanto a porcentaxe como a tendencia parecen entrar en contradición coas declaración do galego como "lingua propia" da USC. 
 
- Esa cifra xeral agocha situacións e tendencias diferentes: nalgúns estudos a docencia en galego é o habitual e noutros unha excepción.
 
- Por outra parte, cómpre apoiar e consolidar as actuacións que se veñen desenvolvendo naqueles centros en que se detecta un incremento continuado da docencia en galego, e estendelas a outros centros, co fin de consolidar neles tendencias que parecen estar comezando ou reimpulsar outras que parecen estar perdendo forza.
 
- As cifras xerais da USC están moi condicionadas pola práctica ausencia da docencia en galego nas titulacións da área de ciencias da saúde. Cómpren actuacións ambiciosas e decididas nelas para intentar mudar esa realidade e conseguir achegar as cifras que hoxe presentan á media da institución da que forman parte.
O Servizo de Normalización Lingüística analizou os datos recollidos en XesCampus para intentar achegarnos de forma obxectiva á realidade lingüística que se viviu nas aulas da USC no curso 2022-23.
Non aspiramos máis ca a "achegarnos" porque os datos —na medida en que son declaracións de intencións e non rexistros de usos reais— deben ser tomados con certa precaución. Pero é tamén evidente que apuntan tendencias e permiten albiscar a realidade con bastante aproximación.
Logo de todas estas puntualizacións, mergullémonos nos datos...
E o primeiro que podemos tirar deles é esta foto xeral (poñer o cursor sobre un sector da rosca para ver as porcentaxes exactas).
No curso 22-23 impartíronse en galego aproximadamente o 25% das horas docentes. No campus de Lugo esta porcentaxe sobe ata o 35% mentres que no de Santiago non supera o 22%; pero o peso proporcional de cada un deles fai que o dato total da USC sexa moi semellante ao do campus compostelán.
A esa diferenza xeográfica engádesenlle outras, como a do tipo de estudos. A docencia en galego é maior nos másters ca nos graos (33% contra 22%), algo que podería parecer contraintuitivo, pois os primeiros son os estudos con maior vocación internacional, e o galego sempre é acusado de "non valer para nada fóra de Galicia".
Esa diferenza entre estudos case desaparece no campus de Lugo, pero é moi visible no de Santiago (con máis de 10 puntos porcentuais de diferenza a favor dos másters).
Esta situación é -con pequenos matices- a mesma que podemos ver ao mirar cara a atrás.
Se analizamos os datos xerais da USC vemos que a presenza do galego se mantén estable, cunha leve tendencia ascendente, que o vai achegando paseniñamente ao 25%. E é tamén significativa a escasa presenza das linguas estranxeiras que non parece incrementarse significativemente co paso dos anos.
Se miramos agora a evolución segundo o tipo de estudo vemos o mesmo marco de estabilidade en que o galego vai facendo mínimos avances. E tamén a evolución paralela de graos e másters, con estes últimos mantendo esa diferenza de 10 puntos porcentuais ao longo dos últimos anos.
O cambio que si parece sinalar unha tendencia é o incremento da docencia en inglés nos estudos de máster, que vén medrando timida pero continuadamente ata acadar o 5% no curso actual.
Estas diferenzas de uso aumentan a medida que analizamos ámbitos máis concretos, como por exemplo as cinco grandes áreas de coñecemento.
Mentres na área de ciencias da saúde a docencia en galego é residual (aprox. 5%), nos ámbitos de humanidades e ciencias sociais rexistramos unha presenza do galego semellante á que ten o castelán. Pola súa vez, as áreas de ciencias e enxeñaría quedan nun punto intermedio, con datos semellantes aos que acada a USC no seu conxunto.
Os pésimos datos de ciencias da saúde son aínda máis significativos (e á vez explican e condicionan os resultado xeral) porque as titulacións desa área de coñecemento imparten case o 40% das horas de docencia da USC.
Se seguimos afondando na análise e observamos agora os datos por titulación (en concreto os de cada un dos graos) descubriremos unha alta correspondencia con toda a información previa.
- Son titulacións de ciencias sociais (Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Educación Social, Pedagoxía...) as que teñen unhas porcentaxes máis altas de docencia en galego.
- Nas titulacións máis relevantes da área de ciencias da saúde (Medicina, Farmacia, Odontoloxía...) a docencia en galego acada porcentaxes case anecdóticas.
De todos os xeitos, tamén é doado atopar titulacións que escapan do patrón da súa área de coñecemento, ben a favor da lingua propia (Enfermaría en Lugo), ben en contra dela (Dereito).
E algo moi semellante pasa se levamos a análise ao nivel de centro; aínda que nalgúns centros este efecto dilúese ao acolleren titulacións pertencentes a diferentes grandes áreas.
Pode chamar a atención que o uso do galego na docencia na USC non chegue ao 25% cando a metade dos centros superan o 30%, e en bastantes deles é a lingua amplamente maioritaria. Por que o total non parece corresponder á suma das partes? A seguinte gráfica explícanolo.
A resposta é -como se ve na gráfica- que non todos os centros pesan o mesmo na suma total. De pouco serve que en centros cuns poucos miles de horas de docencia se empregue moito o galego se noutro como a Fac. de Medicina e Odontoloxía, onde se imparten máis de 115.000 horas, o galego non supera o 2%.
Se nos fixamos na parte esquerda da gráfica vemos como alí se xuntan os centros máis vinculados á área de ciencias da saúde (Medicina, Farmacia, Enfermaría...) que combinan unha baixísima presenza do galego e un numero elevado de horas de docencia.
Ao mirarmos cara a atrás, comprobamos que a maior parte dos centros replican á súa escala a situación de estabilidade que viamos nos datos xerais: as liñas que debuxan as súas gráficas son practicamente chairas.
Pero aquí e alá aparecen aspectos que merecen ser destacados:
- En dous centros de Lugo (Humanidades e Enfermaría) o galego superou por primeira vez ao castelán como lingua da docencia desde que recollemos rexistros.
- Na Fac. de Matemáticas o galego vén incrementando a súa presenza ata rozar xa unha porcentaxe tan relevante como o 40%.
- Na Fac. de Química a docencia en inglés ten máis presenza ca a docencia en galego.
Ata o de agora a nosa análise centrouse nas estruturas: nas territoriais (campus), nas académicas (áreas de coñecemento e titulacións) ou nas organizativas (centros). Pero quen escolle a lingua da súa docencia é un ou unha docente concreto (evidentemente con todos os condicionantes que se deriven do contexto en que traballa). Por iso, pareceunos interesante rematar vendo se a categoría do profesorado condiciona a súa escolla lingüística.
En xeral, a resposta debería ser que non, porque as distintas categorías vanse aliñando ben coa liña de tendencia. Isto significa que, grosso modo, a cantidade de docencia en galego que imparte o profesorado desa categoría é a que lle corresponde segundo a súa participación no total de docencia da USC.
Pero hai unha excepción evidente, situada no extremo superior esquerdo da gráfica: o profesorado asociado de ciencias da saúde (outra vez máis "ciencias da saúde"). Os membros desta categoría profesional imparten o 23% das horas de docencia do curso actual, e só o 0,6% das impartidas en galego.
Á luz de todos estes datos (e lembrando que deben ser tomados cunha certa precaución), podemos formular as seguintes conclusións:
- A docencia en galego chega ata o 25% no global da institución e sobe ata o 33% nos másters. Esa presenza está por baixo do que cabería agardar dunha lingua que se define como "propia" desta institución.
 
- Con todo, a evolución é positiva: a situación de estabilidade e a tendencia á suba que parece apuntarse debe ser consolidada e afortalada en cursos vindeiros.
 
- As realidades dos diferentes centros e titulacións son moi diversas: nalgúns estudos a docencia en galego é o habitual e noutros unha excepción. Así, o alumnado de titulacións como Ciencias da Comunicación, Xornalismo, Pedagoxía, ou a maioría dos graos de Mestre recibe docencia maioritariamente en galego, en porcentaxes que nalgúns casos chegan ao 90%; pola contra, en moitas das titulacións de ciencias da saúde o uso do galego na docencia é moi baixo.