O III Encontro Internacional da Rede Galabra mostra os avances na investigación en Ciencias da Cultura

A Rede Galabra que coordina o profesor da USC Elias J. Torres Feijó desenvolve estes días en Galicia a terceira edición dos seus encontros internacionais, nesta ocasión sobre a cuestión ‘Responsabilidade e investigación en Ciencias da Cultura’. A xuntanza científica deu comezo este xoves na Universidade da Coruña, un dos membros da rede, e este venres vén a Compostela para continuar coas sesións.
A Rede GALABRA de Estudos na Cultura xurdiu na Facultade de Filoloxía da USC co obxecto de estudar a literatura como patrimonio e como fabricadora de ideas para as persoas e as comunidades. Este primeiro obxectivo estendeuse logo á produción e transferencia de coñecemento sobre asuntos ligados tamén ao funcionamento da cultura (entendida como as formas de ver, clasificar e intervir no mundo), con especial atención ás comunidades de lingua portuguesa. Compoñen esta rede, ademais das de Santiago e A Coruña, universidades de Portugal e Brasil.
O venres, na USC A xornada deste venres 25 comezará ás 9.30 horas na Facultade compostelá de Filoloxía cun relatorio dun profesor da Universidade de Tel Aviv (Israel) sobre a percepción do patrimonio, a quen lle seguirá unha experta da Universidade de La Habana (Cuba) sobre a imaxe do ‘ Che’ Guevara no cinema cubano.
Conferencias, comunicacións de novos investigadores e debates integran un programa deseñado para a presentación de resultados de investigacións actuais así como para a reflexión e o intercambio de puntos de vista. Non en van, logo de varias sesións de comunicacións, pola tarde terá lugar un debate sobre as colaboracións coia investigación da Rede Galabra.