As microcredenciais universitarias son un tipo de formación especializada breve, impulsada pola Comisión Europea, que permite adquirir competencias, coñecementos ou habilidades específicas e conectadas coas necesidades do sector produtivo.
Este modelo formativo responde de xeito áxil ás demandas do mercado laboral e da sociedade, promovendo a empregabilidade e a aprendizaxe ao longo da vida.
O termo microcredencial universitaria designa, así mesmo, o certificado que acredita a superación deste tipo de formación. Trátase dunha certificación dixital que proporciona toda a información necesaria para demostrar as competencias profesionais adquiridas a través da formación.
As microcredenciais universitarias están reguladas polo Real Decreto 822/2021 e a Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU), inclúense como oferta de Estudos Propios da Universidade de Santiago de Compostela e forman parte do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), garantindo estándares de calidade e recoñecemento internacional.
- Formación breve: De menos de 15 créditos ECTS (1 ECTS equivale a 10 horas de docencia e 25 horas de traballo do estudantado).
- Independentes ou ‘apilables’: As microcredenciais universitarias poden cursarse de maneira independente ou combinarse (‘apilarse’) para formar credenciais de maior tamaño, en función das necesidades de cada estudante.
- Formato flexible: As microcredenciais universitarias poden ofertarse en modalidade presencial, virtual e/ou híbrida, o que permite adaptalas ás necesidades do estudantado para favorecer a súa conciliación familiar e profesional.
- Metodoloxía activa: As microcredenciais universitarias integran teoría e práctica, enfocándose na aprendizaxe aplicada, que favoreza a inserción laboral (upskilling) ou a dar resposta aos retos formativos das persoas traballadoras en activo (reskiling).
- Avaliación: As microcredenciais universitarias contan cun sistema de avaliación con criterios transparentes e claramente definidos, que acreditan o alcance das competencias e dos resultados da aprendizaxe definidos na formación.
- Acceso inclusivo: En función dos requisitos específicos de cada curso, as microcredenciais universitarias poden ir dirixidas a persoas con ou sen titulación universitaria previa.
- Certificación dixital: A través da Acreditación Europea Dixital asegúrase a validez e recoñecemento no ámbito europeo das microcredenciais universitarias, favorecendo a súa portabilidade por medio da integración da microcredencial universitaria no wallet de cada estudante na plataforma Europass e nas redes sociais profesionais.
- Garantía de calidade: As microcredenciais universitarias están impartidas por equipos docentes expertos, formados por profesorado universitario e por profesionais externos á universidade. O seu deseño e supervisión correspóndese cos estándares do Sistema Interno de Garantía de Calidade (SGIC) da Universidade, asegurando un seguimento e mellora continua.
1. Formación para a inserción social e a mellora da empregabilidade
Permiten o acceso a unha educación superior de calidade ás persoas que non contaban co correspondente requisito de acceso, posibilitando a adquisición de competencias ou capacidades para acceder ao seu primeiro emprego.
2. Reorientación a outra actividade profesional
Ofrecen a posibilidade de adquirir competencias chave noutras disciplinas, compatibilizándoas co exercicio dunha actividade profesional, dado o carácter breve e flexible da formación.
3. Recualificación de alta especialización
En vista dos continuos cambios a nivel tecnolóxico ou social, permiten actualizar coñecementos ou adquirir novas competencias dentro dunha determinada actividade profesional.
- Aprendizaxe continua: Promoven a formación ao longo da vida.
- Inclusión e accesibilidade: Facilitan a educación a grupos diversos e vulnerables.
- Adaptabilidade: Compatibles coas distintas etapas da vida e diferentes situacións laborais.
- Recoñecemento europeo: Certificacións portables e transparentes, recoñecidas en toda a Unión Europea.
- Conexión co mercado laboral: Deseñadas en colaboración con empresas e adaptadas ás necesidades da contorna profesional.
A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, a través do Centro de Estudos Propios (CEP), é o punto de encontro entre a USC e as empresas e institucións onde se xestiona a formación a medida, adaptada ás necesidades dos/das profesionais.
A USC, conforme o artigo 60 da LOSU e a iniciativa de institucións públicas ou privadas, pon a disposición das empresas e das institucións un equipo docente altamente cualificado, integrado por máis de 3.500 profesores/as e investigadores/as, ademais dunha tecnoloxía punteira en e-learning, que permite deseñar programas en diversas áreas e formatos. Estes cursos están certificados como Estudos Propios e avalados polo prestixio da USC.
A participación da USC no Plan Microcreds (dirixido a persoas entre 25 a 64 anos) permite dispor dun financiamento específico para a organización de microcredenciais universitarias en colaboración con empresas e institucións que pode cubrir ata o 70% dos custos. Os colectivos vulnerables poderán beneficiarse de subvencións totais a través do programa de bolsas.
