O Premio Xohana Torres, inicia no ano 1993 a través da Concellaría da Muller do Concello de Santiago de Compostela, tendo como obxectivo fomentar o coñecemento sobre mulleres destacadas da comunidade galega.
Na actualiade conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e abarca calquera ámbito da participación das mulleres na sociedade galega —histórico, político, científico, literario ou artístico—, co obxectivo de resaltar o papel protagonista ou o esquecemento das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión celebrada o 17 de marzo de 2025, aprobou as bases e convocatoria do Premio Xohana Torres de ensaio, investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega.
Os traballos que se presenten ao premio, tratarán da participación das mulleres na sociedade e terán como obxectivo resaltar o papel protagonista ou o esquecemento das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade galega. Poderán ser de carácter histórico, político, científico, literario, artístico etc., … e ter forma de ensaio, investigación científica ou composición audiovisual, e sempre se referirán a mulleres galegas ou experiencias das mulleres en Galicia.
O prazo de presentación dos traballos comeza o día 8 de marzo de 2025 e finaliza o 30 de decembro de 2025 ás 14:00 horas.