Skip to main content
STG
incubaemprende

INCUBA EMPRENDE, é o programa de incubación de USC-EMPRENDE que desenvolverá a súa primeira edición durante o curso académico 2025-2026 co obxectivo de axudar a definir e impulsar ideas e proxectos emprendedores da comunidade universitaria con potencial desde a súa orixe ata a súa consolidación, espallando a cultura emprendedora e innovadora como motor de transformación social, económica e cultural.

O programa INCUBA EMPRENDE conta con unha rede de espazos USC EMPRENDE orientados á formación e ao desenvolvemento de proxectos emprendedores, integrados no propio programa e distribuídos nos campus de Santiago e Lugo en distintas facultades e escolas técnicas. Estes espazos están concibidos como contornas funcionais para a aprendizaxe aplicada, o traballo colaborativo e a maduración de ideas empresariais. O programa dispón dun itinerario formativo modular, o “Campus de emprendemento”, composto por cinco módulos clave (modelo de negocio, análise de mercado, planificación organizativa, planificación financeira e presentación de proxectos), impartidos por profesionais especializados e cun enfoque teórico-práctico flexible, adaptado ás necesidades de cada participante.

Adicionalmente, INCUBA EMPRENDE ofrece un sistema de mentorización personalizada e seguimento continuo, asignando a cada proxecto unha persoa mentora con experiencia empresarial acorde ao seu perfil e sector, co obxectivo de reforzar a toma de decisións estratéxicas, o acceso a coñecemento experto, redes de contacto e apoio motivacional. O programa inclúe tamén o recoñecemento formal das actividades realizadas mediante certificación, con posibilidade de obtención de un créditos ECTS para o alumnado da USC, así como a conexión activa co ecosistema galego e nacional de innovación e emprendemento. Este conxunto de actuacións complétase con accións adicionais de USC EMPRENDE, articuladas a partir dunha avaliación continua das necesidades e avance de cada proxecto.

Ligazón inscrición:  https://forms.cloud.microsoft/e/QH5jEZu5Ay?origin=lprLink

The contents of this page were updated on 02.25.2026.