Humanidades acolle unha exposición sobre a cultura material do castro de Santa María do Castro de Cervantes
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC acolle nas súas instalacións ata o vindeiro 3 de marzo unha exposición sobre a cultura material do castro de Santa María do Castro de Cervantes, cedida polo Museo Provincial de Lugo, onde permaneceu aberta ao público esta mostra antes do seu traslado ao campus lugués.
Estruturada en sete paneis, esta exposición pretende dar a coñecer o poboado de Santa María do Castro de Cervantes, cuxas escavacións determinaron unha ocupación romana principal, datada nos séculos I e II despois de Cristo, xunto coa cultura material exhumada que se conserva actualmente no Museo Provincial de Lugo como depósito da Xunta de Galicia. Os diversos paneis da mostra instalados na entrada da Facultade de Humanidades poderían encadrarse en dúas partes. Na primeira, os paneis amosan ao público o enclave e a cronoloxía e descrición do xacemento de Santa María do Castro, no concello de Cervantes. A temática recollida nos catro últimos paneis prestan especial atención ás características da cerámica atopada neste poboado, o que constitúe o material máis abundante da escavación. Daquela, a través de textos, imaxes e debuxos, esta mostra explica polo miúdo a cerámica de tradición indíxena, a romana de cociña e almacenaxe e as vasillas finas, entre as que se diferencian entre as importadas de Lucus Augusti e as hispánicas, procedentes doutros puntos da península. Outra parte importante da cultura material deste poboado é a formada polo conxunto de pezas metálicas, acompañadas doutros materiais líticos posiblemente relacionados coa súa fabricación. As pezas de aderezo persoal (aneis, doas de colar) ou complementos de atavío (fíbulas e fibelas) son o eixo temático dun dos paneis desta exposición itinerante, que tamén inclúe imaxes e información sobre diversas pezas realizadas con bronce, vidros e moedas.