Skip to main content
STG

Ana Goy participa como relatora en Florencia nun simposio internacional sobre turismo de calidade en cidades históricas

Ana Goy Diz
Ana Goy Diz
A directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade de Lugo falará sobre o uso das novas tecnoloxías para a difusión do patrimonio cultural

A profesora da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo e directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Ana Goy Diz, participará en Florencia nun simposio internacional sobre turismo de calidade en cidades históricas, organizado polo Comité da Cidade Histórica de Icomos-Italia (Comité Internacional de Monumentos e Sitios) e o Mediterranean Historical Cities Sub-Committee (CIVVIH), dependente da Unesco.

A USC foi convidada a participar neste simposio internacional, que se desenvolverá os días 3 e 4 de marzo de 2016, a través do Centro de Estudos de Historia da Cidade (CEC), cuxa directora, Ana Goy Diz, presentará xunto con Enrique González Fernández, arqueólogo do Concello de Lugo, o relatorio ‘Lugo: a cidade das murallas. Aplicación das novas tecnoloxías para a difusión do patrimonio cultural’. Na súa intervención, Goy Diz e González abordarán os novos sistemas de difusión do patrimonio cultural a través das novas tecnoloxías, a partir de experiencias desenvolvidas en Lugo e baseadas na colaboración da Universidade, como centro de investigación, coas institucións que teñen recoñecidas a competencia sobre o noso patrimonio. O Centro de Estudos de Historia da Cidade, que ten a súa sede na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, apostou desde a súa creación pola colaboración coas institucións públicas no estudo do proceso evolutivo da cidade, desde os seus comezos até a actualidade. Froito desa colaboración xurdiron proxectos como Muralla Dixital, que foi financiado con fondos europeos a través do Programa POPTEC e que permitiu o deseño dunha serie de produtos orientados á difusión e dinamización do patrimonio lucense (apps, xeoportal, rutas virtuais, etc.) Os relatores convidados a participar no simposio ‘Comunicación urbana para un turismo cultural de calidade en cidades históricas: Experiencias de sinalización urbana’ abordarán diferentes modelos de xestión patrimonial a nivel mundial como exemplos de boa praxe, co obxectivo de definir novos protocolos de actuación que servirán de base para redactar as directrices básicas de actuación de ICOMOS e de Unesco.

The contents of this page were updated on 03.01.2016.