Especialistas internacionais debaten sobre os termos de difícil tradución

A dificultade de traducir determinados termos e as transferencias culturais asociadas a ese proceso definen o centro do debate que o seminario internacional ‘Comparando os intraducíbeis’ celebra este luns 14 e o martes 15 no Centro de Estudos Avanzados da USC. A USC súmase así aos seminarios celebrados en Francia e América latina para reflexionar sobre as bases teóricas e metodolóxicas do Vocabulaire européen des philosophies (VEP), cuxa tradución ao castelán atópase en preparación. A asistencia, que é de balde e non require inscrición previa, outorga dereito a recibir certificado de asistencia.
Na sesión inaugural celebrada este luns 14 interviñeron a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, a vicedecana da Facultade de Filoloxía Elisa Fernández Rey, e o coordinador do encontro, o profesor de Literatura Comparada, César Domínguez. Inscrito nunha pluralidade de linguas, o VEP recolle na súa versión en francés preto de catro mil termos filosóficos de aproximadamente vinte linguas “para posicionarse en contra tanto do globish –o inglés global, en palabras de Jean-Paul Nerrière- coma do nacionalismo ontolóxico, posición heideggeriana segundo a cal o grego e o alemán serían as dúas linguas filosóficas por excelencia”.
Como explica o profesor César Domínguez, o punto de partida do VOP é “a idea do intraducible, entendido non como un termo que non pode ser traducido, senón como expresións que suscitan problemas na transferencia dunha lingua a outra e esixen un constante acto de tradución”. Ademais, o seminario materializa a incorporación de diversos investigadores da USC aos labores de tradución e reflexión teórica e metodolóxica dunha “rede de (in)traducibilidade que xa coñece versións inglés e ucraíno, xunto a outras en preparación ao portugués-brasileiro, chinés, árabe, grego, persa, italiano, ruso e castelán”.
O seminario contará o mesmo luns, logo do acto inaugural, coa presenza da editora do VEP, Barbara Cassin, membro do consello científico do Laboratorio de excelencia TransferS (École Normale Supérieure de París). Nas restantes sesión participan tamén especialistas en linguas modernas, filosofía, tradución, psicoloxía, teoría literaria, literatura comparada e estudos de xénero.