Zaid Alhamwy e Mohamad Kamal Aldalati recibiron as súas credenciais como beneficiarios do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas da USC

Os estudantes de orixe siria Zaid Alhamwy e Mohamad Kamal Aldalati acaban de recibir as súas credenciais como primeiros beneficiarios do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas da USC, unha convocatoria dirixida a estudantado de grao e doutoramento con estatuto de refuxiado/a en España para facilitar a súa continuación de estudos na USC durante o curso 2016-2017. A entrega, a mans do reitor Juan Viaño e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, realizouse no transcurso do International Students Welcome Day celebrada no Colexio de Fonseca para o alumnado estranxeiro que este ano cursará estudos na USC.
A axuda concedida proporcionaralles aos dous estudantes cobertura total dos gastos de matrícula para o presente curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza co soporte económico do Consello Social da USC, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias, o financiamento de dous cursos semestrais de español no Centro de Linguas Modernas e unha estadía en prácticas durante os meses de xullo e agosto no Servizo de Relacións Exteriores da universidade compostelá.
Co lanzamento do Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas, a USC amosa o seu compromiso coa integración da comunidade internacional de persoas refuxiadas nesta institución, facilitando a continuidade académica de estudantes que, neste caso, chegaron á institución académica compostelá a través do programa de cooperación con Oriente Medio, Erasmus Mundus PEACE.
Beneficiarios
Zaid Alhamwy está matriculado no programa de doutoramento en Investigación Clínica en Medicina mentres que Mohamad Kamal Aldalati cursa estudos do grao en Medicina. Ambos os dous de orixe siria obtiveron o estatus como refuxiados en España en xullo de 2014.
Zaid Alhamwy, de 33 anos, vive en Galicia dende outubro de 2014 data na que comezou os seus estudos de doutoramento na USC co soporte económico da bolsa obtida ao abeiro do programa Erasmus Mundus PEACE. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Aleppo chegou a España en 2012 cunha bolsa para realizar estudos de Máster Universitario en Biomedicina Rexenerativa na Universidade de Granada.
No seu currículo figura unha destacada traxectoria académica no ámbito médico, con estudos de máster e un de doutoramento en curso na rama de cardioloxía. Ademais, na vertente social, foi voluntario na Media Lúa Vermella en Siria durante cinco anos, nos que colaborou activamente na realización de talleres en materia de saúde.
Mohamad Kamal Aldalati, de 28 anos, é diplomado en Ciencias Médicas no Instituto Médico da Universidade de Damasco na especialidade de Anestesia. Chegou a España tras o inicio do conflito en Siria en 2011, momento no que traballaba como voluntario nun hospital de campaña no seu país. Posuía ampla experiencia como anestesista polo seu labor en hospitais civís e de campaña no marco do servizo militar obrigatorio durante a guerra e posteriormente cos rebeldes nun centro sanitario de campo.
Unha vez abandona o seu país e tras pasar 42 días no Líbano, conseguiu entrar en España coa axuda dunha curmá, instalándose en Madrid. En 2013 preséntase á convocatoria Erasmus Mundus PEACE, que coordina a USC, co que inicia estudos de Medicina na Universidade de Santiago en 2014. Paralelamente e co obxecto de poder validar os seus estudos examinouse con éxito da Selectividade, accedendo posteriormente ao 1º curso de grao de Medicina.
A súa experiencia permitiulle dar voz e difusión á problemática á que se enfrontan cada día as persoas que chegan a España solicitando a protección de asilou ou refuxio. Mohamad Kamal participará en calidade de relato no I Congreso Internacional ‘Migración e Refuxio en Europa’, do 26 ao 28 de outubro na Facultade de Humanidades de Lugo.