Skip to main content
STG

Un congreso internacional dá “voz e visibilidade” aos emigrantes e refuxiados en Europa na busca de solucións á súa problemática

Autoridades presentes na inauguración do I Congreso Internacional Migración e Refuexio e Europa
Autoridades presentes na inauguración do I Congreso Internacional Migración e Refuexio e Europa
O foro organizado pola UNED e a USC cita 130 participantes na Facultade de Humanidades de Lugo, onde intervirá un panel de relatores heteroxéneo e de prestixio

A análise da situación actual dos emigrantes e refuxiados en Europa, o debate sobre a resposta política e socioeducativa que se está a dar para atender as singularidades que presentan estes colectivos vulnerables e a sensibilización sobre a necesidade de formación técnica para a atención de emigrantes e refuxiados, son tres dos obxectivos do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa. Este foro, organizado pola UNED e a USC e que botou a andar este mércores na Facultade de Humanidades de Lugo, busca asemade “dar voz e visibilidade” aos millóns de persoas que se viron obrigadas pola guerra a abandonar os seus países para salvar as súas vidas e agora transitan por Europa na procura de asilo ou refuxio para gozar dunha nova oportunidade.

As directoras deste congreso, que prolongará a súas sesións ata o 28 de outubro e no que formalizaron a súa inscrición 130 persoas, as profesoras da USC, María Dolores Fernández Tilve, e da UNED, María del Pilar Quicios García, salientaron no acto de o carácter académico do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, un foro que se presenta como un espazo aberto de aprendizaxe, reflexión e análise da situación das migracións no vello continente e que pretende ser útil para a articulación de solucións a unha problemática internacional. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, guiou a sesión de apertura deste congreso, na que tamén interviñeron, ademais da decana da Facultade de Humanidades da USC, María Isabel González Rey; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o conselleiro de Politíca Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto. As autoridades políticas e académicas presentes salientaron o carácter de acollida da sociedade galega, así como as distintas iniciativas postas en marcha polas administracións para favorecer a integración en condicións de “normalidade” deste colectivo de persoas en situación vulnerabilidade. O desenvolvemento dun plan de acción global para dar resposta á situación dos refuxiados e a pertinencia do desenvolvemento dunha lei de asilo en España tamén foron outras das ideas lanzadas na apertura deste foro. Programa A catedrática de Traballo Social da Universidade de Castilla La Mancha, María José Aguilar, abriu a quenda de intervencións deste congreso, en cuxo programa tamén figuran como relatores Carlos Uriarte Sánchez, membro do Consello da Presidencia da Unión Paneuropea Internacional; o embaixador de Bosnia e Herzegovina en España, Darko Zelenika; a segunda secretaria de Asuntos Europeos da Embaixada de Hungría en España, Adrienn Nasz, e o refuxiado sirio e alumno da USC Mohamad Kamal Aldalati. Juan Iglesias Martínez, da Cátedra de Refuxiados do Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións da Universidade Pontificia de Comillas; Carlos Aparicio de Santiago, do Grupo de Acción Sindical (GAS) que está a traballar con refuxiados en Alemaña, e o director do Secretariado da Comisión Episcopal de Migracións de España, José Luis Pinilla, son outros dos relatores que tamén intervirán neste congreso.

The contents of this page were updated on 10.26.2016.