O Simposio do Instituto de Lingua Galega dedicarase este ano á antroponimia en relación coa lexicografía
O simposio do Instituto da Lingua Galega (ILG) 2016 estará dedicado á antroponimia e lexicografía. O abano de relatorios e conferencias que o integran celebraranse entre os días 24 e 26 de outubro na Facultade de Filoloxía organizado por Ana Boullón e Sandra Beis Silva.
O estudo da antroponimia, principalmente en relación coa lexicografía, articúlase nesta edición do simposio do ILG arredor de dous eixes principais. No primeiro presentaránselle a autores de dicionarios europeos de nomes ou apelidos cuestións comúns do tratamento lexicográfico da antroponimia. Este será o punto de partida para abordar cuestións sobre delimitación lingüística, os criterios para a selección do lema, a presenza da documentación histórica, información xeográfica, a relación entre divulgación e información científica e os dicionarios como ferramenta para a normalización.
O segundo dos eixos estará dedicado a temas específicos sobre os nomes e os apelidos galegos, con especial atención á súa situación no século XVII, os diversos fenómenos fonéticos ou morfolóxicos que os afectan especificamente, a dimensión simbólica que cobran nos usuarios e a cuestións da normalización social.