Skip to main content
STG

O XI Curso de Primavera da USC afondará na segunda parte da obra cumio de Cervantes do 21 ao 23 de abril en Humanidades

Patiño, Basadre, Silva e Outeiro, na presentación do XI Curso de Primavera da USC
Patiño, Basadre, Silva e Outeiro, na presentación do XI Curso de Primavera da USC
Iglesias Feijóo ofrecerá o relatorio de apertura dun foro coordinado polas profesoras Cristina Patiño e Ana Goy. O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de abril

O Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e orientado a complementar a formación humanística do estudantado universitario do campus lugués, así como do resto da sociedade, afondará na súa undécima edición no estudo, en redescubrir e na análise da segunda parte da obra cumio de Miguel de Cervantes, ao longo de diferentes relatorios e táboas de redondas que se desenvolverán do 21 ao 23 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades.

A temática escollida polas profesoras Cristina Patiño e Ana Goy, coordinadoras desta nova edición do Curso de Primavera da USC, que se desenvolverá baixo o título ‘IV Centenario da publicación de El Ingenioso Caballero Don Quijote de la Macha (1615-2015)’ , responde á oportunidade de retomar a obra cumio de Cervantes _xa tratada na edición de 2005_ xusto no ano no que se cumpre o cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quixote, así como da súa obra teatral ‘Ocho comedias y ocho entremeses nuevos, nunca representados’, publicada tamén en 1615, segundo indicou Patiño no acto de presentación deste seminario monográfico. O XI Curso de Primavera da USC, a actividade cun perfil máis académico de todas as organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC, Concello e Deputación de Lugo, presenta un programa estruturado en distintas seccións, segundo indicou Patiño. Na primeira, que afonda na difícil fazaña que constitúe a investigación, as coordinadoras do seminario dan cabida á achegas de novos investigadores e estudantes de doutoramento, para logo abordar os mundos de Cervantes e o esplendor da cultura na súa época, así como a fonda pegada deixada por esta obra, en particular, e polo legado cervantino, nun contexto máis amplo. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo e tamén profesora na Facultade de Humanidades, Carme Silva, presidiu a presentación desta nova edición do Curso de Primavera da USC, un programa ben consolidado que denota o carácter interdisciplinar das Humanidades, no marco dun acto no que tamén participaron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro. Programa, información e matrícula O catedrático da USC Luis Iglesias Feijoo abrirá o 21 de abril a undécima edición do Curso de Primavera da USC cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Cervantes ataca de novo: el Quijote, segunda entrega’. Preto doutros 30 relatores intervirán nas distintas sesións programadas no marco deste seminario monográfico, que rematará o 23 de abril cunha homenaxe póstuma ao pintor e cervantista Juan Queralt Blanch. As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no X Curso de Primavera da USC poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 17 de abril nas oficinas da Área de Cultura do campus Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Para obter máis información tamén poden chamar ao número de teléfono 98.82.15.13.

O custe da matrícula será de 10 euros. Os estudantes universitarios, de Formación Profesional, persoal de administración e servizos, docentes e investigadores da USC, así como desempregados e pensionistas pagarán unha taxa reducida de 5 euros. Asemade, o estudantado universitario matriculado no XI Curso de Primavera da USC poderá solicitar o seu recoñecemento por un crédito académico de libre configuración.

The contents of this page were updated on 03.26.2015.