A USC participa nun consorcio europeo que traballará no descubrimento de contaminantes móbiles e persistentes na auga
O proxecto europeo PROMOTE (PRotecting water resources from MObile TracE chemicals / Protección dos recursos acuáticos fronte a compostos traza altamente móbiles), do que a USC é o único integrante español, celebra este xoves e o venres na Facultade de Química a primeira xuntanza de seguimento para avaliar o grao de progreso dos traballos. PROMOTE traballa no descubrimento dos contaminantes máis móbiles e persistentes no ciclo da auga xa que, como explica o investigador da USC José Benito Quintana, son os que potencialmente poden supor un risco máis importante para o medio acuático e incluso para a saúde do consumidor, a través da auga potable. Para lograr o seu fin, esta colaboración internacional desenvolve novidosas metodoloxías analíticas para a detección (screening) de substancias deste tipo en auga, contando con socios que priorizan substancias que se atopan na base de datos REACH (Rexistro Europeo de sustancias químicas). Posteriormente as detectadas serán avaliadas en máis detalle, en canto á súa presenza e persistencia en diversas concas hidrográficas de Europa e durante os tratamentos das augas, incluíndo os posibles produtos de transformación. Finalmente, o proxecto buscará modos de mitigación, desde tratamentos ata substitución de substancia, e faranse recomendacións para inclusión de novas sustancias a controlar dentro da Directiva Marco de Augas. A USC participa a través do grupo ChromChem, grupo de investigación en Cromatografía e Quimiometría) do Instituto de Investigación e Análise Alimentario (IIAA). A responsabilidade principal do equipo compostelán, cuxo investigador principal é José Benito Quintana, é a de coordinar o traballo analítico (screening) para a procura de novos contaminantes da auga. Este será un dos temas de maior relevancia nesta primeira reunión de seguimento na que participan 20 expertos do proxecto. Xunto á USC participan nesta colaboración internacional socios alemáns (o Centro Helmholtz de Investigacións Ambientais-UFZ de Leipzig que actúa como coordinador, a Universidade Fresenius de Ciencias Aplicadas e a Axencia Alemá do Medio Ambiente), noruegueses (o Instituto Xeotécnico Noruegués), franceses (o Centro Nacional de Investigacións Científicas-CNRS) e neerlandeses (a Universidade de Amsterdam e o Centro de Investigacións do Ciclo da Auga-KWR de Nieuwegein). Ademais, conta coa participación como entes asociados de diversas empresas e axencias do ámbito da auga, entre elas Augas de Galicia e a empresa APPLUS Norcontrol con sede en Sada. Único con participación galega O proxecto PROMOTE foi financiado a través da primeira convocatoria de proxectos do programa Europeo ‘Water JPI’, que tenta xuntar os esforzos europeos na temática de augas e conta cunha avaliación internacional altamente competitiva. De feito na primeira convocatoria só se financiaron sete proxectos das 100 solicitudes de consorcios internacionais. Actualmente PROMOTE é o único que conta con participación galega. Unha vez avaliados a nivel internacional, os proxectos son financiados polas diferentes axencias nacionais. No caso da USC o financiamento corre a cargo do Ministerio de Economía e Competitividade, con 164.000 euros, se ben o financiamento total do proxecto, a través das diversas axencias, está próximo ao millón de euros.