Antonio Gamoneda fai realidade a “xustiza poética’ na Facultade de Humanidades do campus de Lugo

O poeta Antonio Gamoneda, Premio Cervantes e doutor honoris causa por varias universidades, foi protagonista este venres dun acto de “xustiza poética”, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, onde presidiu o tribunal da tese de doutoramento ‘Retrato de grupo de con figura ausente. Edición e análise da correspondencia de José Ángel Valente cos membros da súa xeración poética’. Esta investigación recolle o traballo realizado polo tamén poeta Saturnino Valladares, quen na actualidade é profesor lector na Universidade Federal do Amazonas en Manaos (Brasil), baixo a dirección do profesor da USC, poeta e director da Cátedra de Poesía e Estética José Ángel Valente da USC, Claudio Rodríguez Fer.
A presenza de Gamoneda no campus de Lugo, a onde xa fora convidado en 2003 polo propio Rodríguez Fer para disertar e recitar no encontro ‘Poetas europeos contemporáneos’, ten nesta ocasión un marcado carácter histórico, xa que se trata da primeira vez que Antonio Gamoneda, amigo e coetáneo de Valente, actúa nun tribunal universitario. O tamén poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer salientou este fito polo simbolismo que ten o feito de que unha persoa que non pasou polas aulas universitarias nin exerceu como docente “ entre na Universidade pola porta grande” no treito final da súa vida. “Trátase dun acto de xustiza poética”, dixo Rodríguez Fer, para logo indicar que despois dunha infancia e unha primeira etapa vital marcada polas necesidades económicas, Antonio Gamoneda preside por vez primeira o tribunal dunha tese de doutoramento logo de ser nomeado doutor honoris causa por varias universidades. A lectura tese de doutoramento de Saturnino Valladares, a primeira presentada no marco do programa de doutorando da USC en Humanidades e Servizos Culturais, posto en marcha no campus de Lugo baixo a coordinación do catedrático Xaquín Rodríguez Campos, e a segunda sobre a figura e a obra de Valente que se defende na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. A estas investigacións sobre a figura e a obra de José Ángel Valente desenvolvidas na USC cómpre engadir outras dúas teses de doutoramento sobre o poeta ourensán que veñen de presentarse na Universidade de Trento.