Skip to main content
STG

A inclusión da teoría do Ilímite no ensino reforzaría a aprendizaxe cooperativa e a creatividade, sostén unha investigación da USC

Iago Pérez Santalla coa directora da súa tese de doutoramento, Beatriz Fernández Herrero
Iago Pérez Santalla coa directora da súa tese de doutoramento, Beatriz Fernández Herrero
Iago Pérez Santalla presenta o sistema educativo como camiño de auto descubrimento na busca da realización persoal nunha tese doutoral cualificada con sobresaínte cum laude

A teoría do Ilímite é un impulso para valorar a cada persoa polas súas mellores capacidades e non polos seus límites, mantén o educador social e máster en Servizos Culturais pola USC Iago Pérez Santalla na súa tese de doutoramento, unha investigación desenvolvida baixo o título ‘A aplicación e desenvolvemento da teoría do Ilímite en contextos educativos formais e non formais' e dirixida pola profesora do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da USC Beatriz Fernández Herrero que vén de presentarse na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.

A aplicación do Ilímite, unha teoría desenvolvida polo lugués afectado de parálise cerebral Iago Pérez Santalla, ao sistema educativo implicaría percorrer con cada alumno o camiño do seu propio auto descubrimento a fin de comezar con el a procura da súa autorrealización persoal. O Ilímite implica o reto de establecer aprendizaxes cooperativas que busquen éxitos compartidos e colectivos nos que se interioricen sinerxias que leven ao desenvolvemento da creatividade. Todo isto supón, tamén, educar en valores buscando formas de crecer xuntos e de forxar vitorias compartidas. O sistema educativo ten que ser a primeira pedra dun auto desenvolvemento constante que permita crecer no seo da sociedade tomando decisións e enfrontando adversidades a través de apoios e apoiando, ao mesmo tempo, proxectos alleos. O desenvolvemento do Ilímite esixe a un tempo resiliencia, vontade independente para construír ese legado propio e interdependencia, subliña Pérez Santalla, quen apela a necesidade de ser conscientes da complexidade dun mundo que esixe cooperar coa realidade de cada quen. Neste senso, engade o investigador, o Ilímite convértese nun proceso de inclusión social que se tece na dinámica da interdependencia para construír unha comunidade á medida de cada persoa. Crer no Ilímite é sentir imprescindible a cada membro da sociedade e buscarlle nela un oco de desenvolvemento que repercuta positivamente na mesma. A teoría do Ilímite é unha metodoloxía para coñecer e deconstruír a propia realidade, creando unha realidade á medida de cada persoa pero sempre compartida, negociada e, por suposto, ancorada nos valores da solidariedade, a aceptación mutua e o desenvolvemento interdependente que teñen como meta unha sociedade inclusiva que se recoñeza a si mesma. O marco teórico desenvolvido por Pérez Santalla susténtase en experiencias educativas con colectivos moi variados que abarcan todas as idades e que van do ámbito formal ao non formal. Nestas experiencias o Ilímite e a acción do diálogo marcan o camiño do autodescubrimento. Composición de tribunal e cualificación O profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña e integrante do Grupo de Investigación e Innovacións Educativas da UDC, Juan José Bueno Aguilar, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Iago Pérez Santalla, unha investigación que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. A profesora do Departamento de Psicoloxía da USC María Pilar Fernández Fernández, que actuou como secretaria; os profesores da Universidade de Vigo Joaquín Dosil Díaz e Manuel Vilariño Vázquez, e Héctor Manuel Pose Porto, da Universidade da Coruña, completaron o tribunal avaliador. Iago Pérez Santalla cos membros do tribunal que avaliou a súa tese de doutoramento

The contents of this page were updated on 10.08.2015.