Skip to main content
STG

Expertos internacionais revisan en Filoloxía a obra e transcendencia literaria de James Joyce

O reitor presidiu a sesion inaugural celebrada na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu a sesion inaugural celebrada na Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite
O XXV Encontro da Asociación Española James Joyce celébrase na USC este martes e o mércores

O reitor Juan Casares inaugurou este martes 29 o XXV Encontro da Asociación Española James Joyce que se celebrará na Facultade de Filoloxía da USC ata este mércores promovido por investigadores das tres universidades galegas baixo a coordinación da profesora da USC Margarita Estévez-Saá, do docente da Universidade da Coruña José Manuel Estévez-Saá, e da profesora da Universidade de Vigo Teresa Canedo Cabrera. Ao longo de dúas xornadas expertos internacionais presentarán e comentarán a recente tradución do Ulises de James Joyce ao galego (editada por Galaxia), estudarán a obra do escritor e a súa influencia en autores contemporáneos, ademais de analizar autores e obras representativos da literatura irlandesa. No desenvolvemento deste encontro colaboran o Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin, dirixido polo catedrático da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos; o grupo de Investigación da USC ‘Discurso e Identidade’ que lidera a profesora Laura Lojo Rodríguez; a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña; e os equipos dos proxectos de investigación dirixidos polos profesores José Manuel Estévez-Saá (Novas tipoloxías da (E/In)migración Europea), Margarita Estévez-Saá (A tradición feminina perdida: Antecesoras, contemporáneas e sucesoras de James Joyce) e Manuela Palacios González (Ex-sistere: A mobilidade das mulleres nas literaturas galega e irlandesa contemporáneas). Logo do acto inaugural que presidiu o reitor compostelán, o programa científico botou a andar cunha mesa redonda que reflexiona sobre a transcendencia da obra de James Joyce na produción literaria do século XX e continuou cunha sesión sobre antecesores, contemporáneos e sucesores de James Joyce. Para completar a sesión matinal celebrase unha sesión dedicada á tradución de Ulysses ao galego. Pola tarde, o programa comeza ás 16.00 horas abordando diversas cuestións sobre a literatura irlandesa e continúa cunha xornada que se desenvolverá co lema ‘Viaxes atlánticos’ para rematar con outra sobre ‘Iberjoyce’ na que se presentará a nova web da Asociación Española James Joyce. O mércores, unha mesa de debate que reflexiona sobre a relación entre Joyce e a literatura irlandesa abrirá a quenda de intervencións ás 9.00 horas, á que dará o relevo outra mesa sobre estudos comparados. A obra do escritor, as viaxes atlánticas e a cultura irlandesa, completarán o conxunto de mesas de debate do encontro. Esta xuntanza da Asociación Española James Joyces desenvolverase este martes e o mércores. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 04.29.2014.