As dez entidades que integran a Rede Galega contra a Trata atenderon máis de 5.000 vítimas durante o ano 2013

As dez entidades de ámbito social que integran a Rede Galega contra a Trata atenderon durante o pasado ano máis de 5.000 persoas vítimas de trata, na súa maioría mulleres procedentes de Brasil, República Dominicana, Rumanía, Colombia e España, segundo subliñou a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, na apertura da III Xornada contra a Trata, que congrega este venres preto de 200 persoas na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
A sesión inaugural desta sesión estivo presidida pola vicerreitora de Servizos do Campus Universitarios de Lugo da USC, Carme Silva Domínguez, quen, logo de trasladar os seus parabéns aos organizadores polo éxito da convocatoria, salientou a dimensión e a vocación social da Facultade de Humanidades, unhas características que se fan visibles especialmente visibles nos eidos da xestión cultural e de servizos, dixo. A trata de persoas é unha problemática global que atopa nas mulleres preto do 80% das súas vítimas, das que un 76% son obxecto de explotación sexual, mentres que nunha porcentaxe do 14%, sofren explotación sexual, indicou López Abella, que tamén deu conta dos pasos dados polas distintas administracións públicas e, máis en concreto, pola Xunta de Galicia para atallar e evitar na medida do posible este tipo de delitos. A incidencia da trata de persoas no contexto local e global da trata de persoas centrou parte da intervención de Silvia Pérez Freire, socióloga e investigadora da Rede Galega contra a Trata, quen denunciou a “invisibilidade” dunha problemática crecente da que só se coñecen e identifican o 5% dos casos, segundo datos publicados polo Eurostat, que no bienio 2008-2010 contabilizou 24.000 persoas vítimas de trata. Unha de cada sete mulleres en prostitución son vítimas de trata, lembrou Pérez Freire, que, a xeito de voceira da Rede Galega contra a Trata, demandou a urxencia dunha lei integran contra a trata, ao tempo que tamén demanda unha actitude máis belixerante e vixiante por parte da Fiscalía, a aprobación dun estatuto propio das persoas vítimas de trata, o deseño de instrumentos de identificación de vítimas de trata, unha maior coordinación entre todos os axentes e administracións implicadas neste eido e a aplicación do principio internacional de non devolución. A maxistrada titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, abriu a quenda de relatorios desta xornada cunha exposición sobre os procedementos xudiciais de investigación en trata de persoas, na que De Lara demandou a necesidade de contar con máis medios. Unha táboa redonda sobre a detección e protección de vítimas de trata, que contou como relatores cun comandante da Unidade Central Operativa da Garda Civil, Mercé Meroño, de Àmbit Prevenció Fundació, e Ana Hernández Hernica, de Sicart, pechou a sesión matinal. Unha ollada internacional sobre a problemática de trata de persoas deu continuidade en quenda de tarde á III Xornada Galega contra a Trata, que rematou coa representación da peza teatral ‘Ama-dor’, a cargo do grupo ourensán Trécola. Asistentes á III Xornada Galega contra a Trata