Skip to main content
STG

USC, Concello e Diocese de Lugo colaboran na posta en valor do patrimonio cultural da cidade co proxecto ‘Muralla Dixital’

García Herradón, López Orozco e Vázquez Carballo, na sinatura do convenio
García Herradón, López Orozco e Vázquez Carballo, na sinatura do convenio
García Herradón, López Orozco e Mario Vázquez asinaron un convenio entre as tres entidades para captar, dixitalizar e documentar imaxes de bens eclesiásticos lugueses

A USC colaborará co Concello e coa Diocese de Lugo na posta en valor do patrimonio cultural e histórico da cidade luguesa a través do programa ‘Muralla Dixital’, un proxecto financiado con máis de 1,4 millóns de euros pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa de Cooperación Transfonteiriza España-Portugal 2007-2013. Este proxecto, ten como obxectivo a creación dunha rede de cinco cidades amuralladas de Galicia e do Norte de Portugal que apostan pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico e arqueolóxico a través da aplicación e do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

O proxecto ‘Muralla Dixital’, no que se propón o estudo das cidades galegas de Santiago e de Lugo, así como dos enclaves portugueses de Monçao, Melgaço e Valença, está liderado polo Concello de Lugo, mentres que a participación da USC, un dos socios colaboradores do proxecto, centrarase na elaboración dun estudo evolutivo das cidades de Lugo e de Santiago. O obxecto fundamental deste traballo é propón o estudo urbano das dúas cidades a partir dun elemento patrimonial indiscutible como é o caso da muralla de Lugo. O convenio asinado este venres entre a USC, Concello de Lugo e diocese de Lugo sirve de marco legal co que se dá autorización ao persoal do Concello e da USC para acceder ao patrimonio eclesiástico e captar imaxes do seu interior e exterior, así como dos bens ou elementos artísticos que acubillan. O coñecemento e a posterior divulgación deste patrimonio a través da dixitalización das imaxes captadas antóllase de sumo interese para a investigación que desenvolverá a USC, xa que ata o pasado século XIX Lugo era unha cidade episcopal, co que o bispo era a máxima autoridade da que, en certa medida, dependían todas as demais institucións (Concello, tribunais...). Daquela, a posibilidade de acceder ao rico patrimonio eclesiástico de Lugo é esencial para explicar a evolución experimentada pola cidade. O alcalde de Lugo, José López Orozco, adiantou que o resultado do traballo desenvolvido ao abeiro deste convenio (a toma de fotografías e a súa posterior dixitalización) estará a disposición de toda a sociedade tanto na páxina web do Concello de Lugo como noutras aplicacións tecnolóxicas e dispositivos nos que está a traballar o goberno local en aras a mellorar a promoción turística da cidade e a súa proxección no exterior. O rexedor lugués destacou tamén que a fotografía e dixitalización dos bens patrimoniais máis salientables da cidade de Lugo constituirá unha ferramenta de grande utilidade para estudosos e investigadores, que poderán coñecer de xeito virtual os distintos elementos patrimoniais sen necesidade de ter que desprazarse. As accións a realizar no marco deste convenio comezarán a desenvolverse de xeito inmediato e deberían estar rematadas no mes de xuño. O vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, sinalou no acto de sinatura que este convenio entre USC, Concello e Diocese dá cobertura legal e normaliza a colaboración entre as tres institucións implicadas. Vázquez Carballo destacou asemade a satisfacción que supón para o Bispado lugués poder amosar e compartir os seus bens coa sociedade, ao tempo que salientou a relación entre cristiandade e cidadanía. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, destacou a necesidade da colaboración e cooperación entre administracións e institucións para poder desenvolver proxectos na actual situación de crise. Asemade, logo de afondar no interese da temática e da utilidade do convenio, García Herradón fixo fincapé na importancia que supón para un campus especializado nos eidos agroforestal e gandeiro como é o caso de Lugo contar cunha Facultade de Humanidades, porque “completa e mellora a súa oferta formativa”, dixo.

The contents of this page were updated on 04.25.2014.