A investigación, detección e protección das vítimas centrará unha xornada da Rede Galega contra a Trata o 19 en Humanidades

A Rede Galega contra a Traga, que agrupa unha decena de asociacións e colectivos galegos, organizará o vindeiro 19 de setembro unhas xornadas de debate na que distintos relatores procedentes dos eidos xurídico, político e asistencial abordarán cuestións ligadas á investigación, detección e protección das vítimas de trata.
Fátima Teixeiro, do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, María Cristina García Gallego, de Cáritas Diocesana de Lugo, e Manuel Varela Veiga, en representación de Aliad Ultreia, presentaron este venres este foro na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde destacaron a gravidade dunha problemática crecente e cada vez máis visible. Varela salientou neste senso a relevancia do cometido que están a desenvolver os membros da Rede Galega contra a Trata, un colectivo cuxas actuacións na provincia, acometidas fundamentalmente por Cáritas Diocesana e Aliad Ultreia, se centran principalmente na cidade e aos concellos da contorna. Este representante de Aliad Ultreia indicou asemade que os colectivos integrados na Rede Galega contra a Trata son, en non poucas ocasións, unha opción moi socorrida por persoas vítimas de trata que, por diversas razóns de legalidade, non poden acudir ás institucións oficiais. Programa da III Xornada contra a Trata A III Xornada contra a Trata, organizada pola Rede Galega contra a Trata, reunirá o vindeiro 19 de setembro no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, máis de 170 persoas, que xa formalizaron a súa inscrición para participar neste foro de análise e debate no que se abordarán cuestións ligadas á protección, investigación e detección das vítimas. A secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, será a encargada de abrir este foro no marco dun acto no que tamén estará presente a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domíguez. A quenda de relatorios comezará cunha intervención de Silvia Pérez Freire, que fará unha presentación da actividade e dos cometidos que persegue a Rede Galega contra a Trata. Os procedementos xudiciais de investigación en trata de persoas centrará a temática do relatorio ofrecido pola maxistrada Pilar de Lara Cifuentes, ao remate do cal se desenvolverá unha táboa redonda sobre detección e protección de vítimas de trata na que participarán un comandante da Unidade Central Operativa da Garda Civil; Mercé Meroño, de Àmbit Prevenció Fundació, e Ana Hernández Hernica, de Sicar.cat. As relatoras Nieves Altagracia, da Fundación Centro Nuestra Esperanza de República Dominicana, e Leonor Ladrón de Guevara, pertencente ao Grupo de expertos sobre loita contra a trata de seres humanos do Consello de Europa, ofrecerán, xa en quenda de tarde, unha visión sobre a problemática da trata no plano internacional. Unha representación teatral a cargo do grupo ourensán Trécola Teatro, que porá en escena a peza ‘ Ama-dor’, servirá de peche da III Xornada contra a Trata, no marco da que tamén se instalarán no vestíbulo da Facultade de Humanidades diversas exposicións de pintura, cerámica, téxtil ou fotografía con temática de muller.