O grupo UDIPRE de Psicoloxía traballa nun protocolo informatizado de valoración de risco para menores en situación de conflito e desprotección social

A Unidade de investigación de prevención e tratamento de problemas de conduta (UDIPRE) da USC coordina unha investigación que propón un protocolo informatizado de valoración de risco para menores infractores que pode ser utilizado polas instancias xudiciais “para así coñecer as características ás que responde cada menor e poder aconsellar o tratamento máis axeitado”, explica a catedrática de Psicoloxía Clínica da USC e directora do grupo, Ángeles Luengo. O grupo UDIPRE traballou todo este ano no proxecto ‘Ampliación das oportunidades de reinserción social de adolescentes que cumpren medidas xudiciais en Perú’, financiado pola Axencia Galega de Cooperación e que está a piques de rematar. Trátase de adaptar a Perú un protocolo de valoración de risco para menores infractores (VRAI) validado previamente noutro proxecto coordinado con outras universidades titulado ‘Validación dun protocolo informatizado para a valoración e xestión do risco de menores en situación de desprotección social’ e financiado polo Ministerio de Economía. Nesta investigación máis ampla colaboraron a Dirección Xeral de Familia e Inclusión Social da Xunta de Galicia así como FAIBEN e CAMIÑA SOCIAL, organizacións representativas no eido de menores infractores e menores de protección, que traballaron en nove institucións dedicadas á execución de medidas xudiciais e 19 de protección de menores. Os principais resultados das investigacións, coordinadas ambas as dúas pola profesora Luengo, así como as implicacións de cara á súa aplicación para o traballo con menores en situación de risco social expuxéronse hoxe nunha xornada de cooperación institucional na que participaron representantes de todas entidades implicadas, tanto españolas como peruanas. Así, asistiron, entre outros, representantes da Consellaría de Traballo e Benestar, das Fundacións Camiña Social e FAIBEN e do Proxecto ORSAP de Perú. A xornada desenvolveuse na Facultade de Psicoloxía (Foto: Santi Alvite)