Skip to main content
STG

Un foro da USC salienta as potencialidades do oso pardo como activo turístico útil para frear o despoboamento rural no Courel

Participantes e promotores do curso sobre grandes carnívoros celebrado na Estación Científica do Courel
Participantes e promotores do curso sobre grandes carnívoros celebrado na Estación Científica do Courel
O seminario celebrouse na Estación Científica do Courel, promovido pola USC, Deputación Provincial de Lugo e Fundación Oso Pardo
Lugo

A presenza do oso pardo na serra courelá, alén das problemáticas específicas que depara a existencia de grandes carnívoros, pode entenderse tamén como unha oportunidade para incrementar o atractivo turístico da zona e incluso para frear o despoboamento das áreas de montaña, segundo se desprende das conclusións do seminario estival promovido na Estación Científica do Courel pola USC, Deputación Provincial de Lugo e Fundación Oso Pardo e que contou cunha alta participación da veciñanza, ademais dunha ampla representación de sectores sociais e produtivos da zona.

A celebración deste foro arredor da presenza de grandes carnívoros permitiu poñer de manifesto que a chegada do oso pardo a serra courelá non responde a unha conxuntura pasaxeira, polo que cómpre articular medidas orientadas a mellorar a convivencia e tamén para sacar rendibilidade do potencial atractivo turístico que implica a posibilidade de ver exemplares e poboacións de oso pardo en liberdade.

Os danos e estragos que ocasiona o oso pardo na gandería local, así como aos produtores de mel foi outro dos asuntos abordados no marco deste seminario, no que tanto os relatores participantes como o público asistente, coincidiron en sinalar que o principal problema do Courel non son os danos e as posibles perdas económicas asociadas ou provocadas por este animal, senón o despoboamento.

O guía turístico e presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, Marcos Reinoso, salientou neste senso, a pertinencia de traballar a prol da declaración de parque natural na rexión, unha medida que podería axudar a obter rendibilidade deste novo activo moi atractivo para o público interesado no turismo de natureza, ao tempo que resultaría beneficioso tanto para a poboación local como para garantir ou cando menos mellorar a conservación deste mamífero e tamén dos valores paisaxísticos e naturais que agocha a serra courelá.

Unha vez analizada a incidencia que está a ter o oso pardo no vida cotiá da xente do Courel e logo de debater sobre as súas potenciais vantaxes e problemáticas asociadas, todos os participantes neste programa de sensibilización organizado ao abeiro do Life Oso Courel chegaron á conclusión de que é preciso solicitar máis apoio das administracións para emprender accións transversais que repercutan en beneficio da posta en valor desta área de montaña luguesa, dos seus valores naturais e paisaxísticos e tamén da súa poboación.

The contents of this page were updated on 03.18.2021.